Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Ordes acusa á Xunta de bloquear a rotonda da N-550 ao proxectar a Ronda Sur-Oeste sen resolver a súa conexión coa estrada estatal

  • Os socialistas critican “a falta de planificación” do Goberno galego, que prentendía conectar a nova estrada coa glorieta prevista por Transportes sen asumir que esa actuación xerará máis tráfico e máis viais nun punto xa sensible
  • “O alcalde coñece a chapuza da Xunta, pero prefire defender ao PP que a Ordes”, afirma a voceira socialista, Noelia Rivadas, que considera que esta actitude de confrontación permanente perxudica ao municipio
  • A resposta do Goberno no Congreso aclara que a conexión da Ronda Sur-Oeste co resto de redes viarias corresponde ao promotor da actuación, é dicir, á Xunta de Galicia

O PSOE de Ordes acusou hoxe á Xunta de Galicia de “crear un problema onde había unha solución” ao proxectar a nova Ronda Sur-Oeste sen resolver correctamente a súa conexión coa N-550, unha das principais vías de entrada e saída do núcleo urbano ordense.

A portavoz socialista en Ordes, Noelia Rivadas, considera que a Xunta e Concello de Ordes “pretenden descargar agora toda a responsabilidade no Ministerio de Transportes”, cando a resposta do Goberno de España no Congreso dos Deputados deixa claro que a actuación autonómica introduce un novo escenario de tráfico que obriga a reconsiderar o deseño da glorieta prevista na estrada estatal.

O proxecto da Xunta carece de nó de conexión coa N-550

Na resposta parlamentaria á pregunta formulada polo Grupo Popular, o Goberno sinala que o proxecto da Ronda Sur-Oeste de Ordes, redactado e tramitado pola Xunta de Galicia, “non inclúe nó de conexión coa N-550” e que nese punto prevé conectar coa glorieta en redacción por parte do Ministerio de Transportes. O Executivo tamén precisa que esa glorieta tiña como obxectivo mellorar a seguridade viaria na N-550, pero non contemplaba a conexión futura de novas estradas, como é o caso da ronda autonómica.

“A rotonda comprometida polo Goberno estaba pensada para mellorar a seguridade viaria neste punto da N-550, non para asumir a conexión dunha nova estrada autonómica. Se a Xunta proxecta unha ronda que quere desembocar aí, ten que resolver como se conecta de maneira segura e eficaz coa rede estatal”, sinala a portavoz do PSOE de Ordes.

Noelia Rivadas incide en que a propia resposta do Goberno no Congreso aclara que “o deseño e a adecuada conexión da nova Ronda Sur-Oeste de Ordes co resto de redes viarias doutras administracións corresponde ao promotor da actuación, é dicir, á Xunta de Galicia”.

Para o PSOE local, este é o punto clave do debate. “A Xunta non pode anunciar unha ronda, proxectala ata a N-550 e despois dicir que a conexión é un problema doutros. O máis importante nunha infraestrutura deste tipo é saber como se integra coas vías existentes, como ordena o tráfico e como evita crear novos conflitos dentro do núcleo urbano”, sosteñen.

O alcalde coñece a chapuza da Xunta, pero prefire defender ao PP que a Ordes

Os socialistas de Ordes aseguran que o alcalde, José Luis Martínez, “coñece perfectamente esta chapuza na planificación da Xunta, pero prefire confrontar co Goberno de España antes de reclamarlle á Xunta, gobernanda polo seu mesmo partido, que asuma a súa responsabilidade de planificar unha estrada tan imporante sen nó de conexión coa N-550.

Con esta actitude de confrontación permanente con todas as institucións que non estean aliñadas co PP, Martínez Sanjurjo perxudica á veciñanza de Ordes”.

Neste sentido, Rivadas advirte de que a conexión da Ronda Sur-Oeste non pode converterse nun novo foco de tráfico desordenado na entrada de Ordes nin agravar os problemas que xa existen na travesía da N-550.

Menos confrontación, máis cooperación

“O núcleo urbano de Ordes xa soporta unha presión de tráfico moi elevada. A N-550 atravesa a vila, condiciona a mobilidade diaria da veciñanza e xera problemas de seguridade viaria. Calquera nova actuación ten que servir para mellorar esa situación, non para complicala aínda máis por falta de planificación”, afirman.

O PSOE de Ordes reclama á Xunta e ao Concello que “deixen de utilizar este asunto como arma de confrontación política contra o Goberno de España” e insisten en que a prioridade debe ser mellorar a seguridade viaria e reducir o impacto do tráfico no centro de Ordes, cunha solución global que teña en conta tanto a N-550 como a futura ronda autonómica. “Ordes necesita unha solución seria para a N-550 e para ordenar o tráfico no núcleo urbano. Esa solución pasa pola cooperación entre administracións, pero tamén por que cada unha asuma a parte que lle corresponde. Neste caso, a Xunta ten que explicar por que proxectou unha ronda sen incluír o nó de conexión coa estrada estatal”, conclúen.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes