Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama unha actuación integral na Rúa Correos para poñer fin á degradación dunha obra abandonada desde hai máis de catorce anos

  • Suárez-Puerta advirte de que “non ten sentido renovar a contorna e manter no medio unha rúa e unha obra inseguras, deterioradas e sen solución”

O PSdeG de Ribeira levará ao Pleno municipal unha proposición para reclamar unha actuación integral na Rúa Correos, unha vía situada nun punto especialmente relevante do centro de Ribeira, entre a Rúa de Lugo e a Rúa Marcial de Adalid. O portavoz socialista, Francisco Suárez-Puerta, considera que esta rúa “non pode seguir sendo o espazo esquecido no medio de Ribeira”.

Desde o PSdeG lembran que nos últimos anos se desenvolveron melloras en diferentes rúas próximas, como a Avenida Rosalía de Castro, a Rúa de Lugo, a contorna da Praza do Concello ou a Rúa Otero Pedrayo, e que tamén están previstas actuacións na Rúa Uxío Novoneyra e na Rúa Cristóbal Colón.

Por iso, consideran incoherente que a Rúa Correos continúe presentando un estado evidente de abandono, cun pavimento deteriorado, gretas, parches, humidades, desniveis e zonas irregulares que afectan á seguridade, á accesibilidade e á imaxe urbana desta parte de Ribeira.

A proposta socialista tamén pon o foco na obra abandonada existente na contorna da rúa, que leva degradándose cando menos arredor de catorce anos. A parcela presenta estruturas inacabadas, ferralla oxidada, restos de materiais, lixo acumulado, vexetación descontrolada e elementos que xeran preocupación entre a veciñanza.

Suárez-Puerta sinala que “non estamos ante unha simple cuestión estética, senón ante un problema de seguridade, salubridade, convivencia e respecto por toda a veciñanza”. 

Segundo trasladan veciñas e veciños da Rúa Correos, o estado actual da rúa e da obra abandonada estaría favorecendo usos indebidos desta zona, incluíndo o consumo e o trapicheo de drogas, ao existir recunchos pouco visibles, valados, zonas escuras e unha clara falta de control. Para os socialistas, esta situación agrava aínda máis a necesidade de actuar con urxencia, porque a degradación urbana acaba xerando tamén problemas de convivencia e inseguridade.

Os socialistas reclaman que o Concello revise o estado da licenza, o cumprimento das súas condicións, a seguridade da parcela e as medidas que procedan conforme á normativa. Ademais, solicitan que, mentres non exista unha solución definitiva, se adopten medidas inmediatas de limpeza, retirada de residuos, control da maleza, revisión dos valados e mellora da iluminación. “O centro de Ribeira non pode avanzar por un lado e retroceder por outro. A Rúa Correos necesita unha resposta seria e unha actuación integral que a incorpore de verdade na renovación urbana que se está levando a cabo”, concluíu o portavoz socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes