Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Ribeira propón un control trimestral dos acordos plenarios que seguen sen cumprir

  • Os socialistas reclaman que o Goberno explique periodicamente que compromisos executou, cales continúan pendentes e por que

O PSdeG de Ribeira levará ao próximo Pleno unha proposta para establecer un seguimento trimestral dos acordos adoptados pola Corporación que continúen sen executar. A iniciativa pretende que a Alcaldía ou os responsables de cada área informen do traballo realizado, do que queda pendente e dos motivos polos que determinadas decisións seguen sen materializarse.

Os socialistas consideran necesario este control pola dinámica que, segundo sinalan, se vén repetindo durante o último ano: presentan unha iniciativa, o executivo municipal substitúe ou modifica o seu contido mediante unha emenda, esa alternativa consegue o apoio da Corporación e posteriormente queda sen desenvolver.

“Non pretendemos que o Goberno acepte todas as propostas do Partido Socialista. Pode rexeitalas ou presentar unha alternativa. Pero se decide propoñer outra solución e consegue que se aprobe, debe cumprir ese compromiso ou explicar por que non o fixo”, sinala o portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta.

O PSdeG pon como exemplo a modificación do artigo 90 da normativa urbanística para solucionar problemas de edificabilidade en determinadas parcelas. O PP substituíu a iniciativa socialista por unha emenda comprometéndose a tramitar unha modificación puntual, pero case un ano despois esa actuación segue pendente.

A mesma situación, segundo os socialistas, prodúcese noutras iniciativas. En Corrubedo, a proposta dunha pasarela na praia do Prado converteuse no compromiso de realizar un estudo de viabilidade que aínda non se elaborou. En Palmeira, PP e PBBI acordaron habilitar un aparcadoiro disuasorio na contorna do cemiterio e implantar medidas de calmado do tráfico como alternativa á modificación do trazado do carril bici, sen que ningunha desas medidas chegase a executarse.

Tamén permanecen pendentes actuacións relacionadas co antigo Cine Millán de Palmeira, a rúa Correos ou a reparación do Centro Social de Oleiros. A isto súmase o regulamento municipal para ordenar o estacionamento de caravanas, autocaravanas e vehículos vivenda, aprobado por unanimidade no mes de xullo e cuxa redacción aínda non se iniciou.

Para Suárez-Puerta, “cando unha proposta é aprobada deixa de pertencer ao grupo que a presentou e convértese nun compromiso da Corporación coa veciñanza”.

Por iso, o PSdeG propón que cada tres meses se dea conta ante o Pleno do estado dos compromisos pendentes. A formación considera que esta fórmula permitiría reforzar a transparencia, facilitar o control da acción municipal e evitar que decisións aprobadas pola Corporación queden esquecidas co paso dos meses.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes