Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Curtis alerta de que a macroplanta de biogás que impulsa o alcalde en Teixeiro tratará máis do dobre de residuos que a que rexeita A Laracha

  • “Queremos en Curtis o que non queren a na Laracha, e ademais multiplicado por dous?”, cuestionan os socialistas
  • Denuncia o “escurantismo” do alcalde e esixen unha reunión aberta coa veciñanza da para coñecer o proxecto, que pode ter impacto importante en Teixeiro

O PSdeG-PSOE de Curtis cargou hoxe con dureza contra o goberno municipal do PP pola “falta absoluta de transparencia” en relación coa macroplanta de biogás que impulsa o goberno municipal de Javier Caínzos en Teixeiro, un proxecto que, advirten, “duplica ao que rexeita de forma unánime a veciñanza da Laracha”.

Os socialistas, a través do seu secretario xeral, Fernando Rey Leira, instan ao alcalde, Javier Caínzos, a “dar a cara dunha vez” e insiste en instar ao rexedor a convocar “de forma urxente unha reunión aberta coa veciñanza para explicar con luz e taquígrafos un proxecto que xa está moi avanzado e do que non se informou absolutamente nada”.

O PSOE contrapón a situación de Curtis coa vivida recentemente na Laracha, onde unha planta de biogás de menor tamaño xerou unha forte contestación social e acabou sendo rexeitada. “Na Laracha informouse á cidadanía, abriuse o debate público e todos os grupos políticos acabaron posicionándose en contra. Onte mesmo vimos como a Deputación aprobaba por unimidade de todos os partidos políticos unha declaración en contra da instalación da planta. En Curtis, pola contra, o que hai é silencio, opacidade e ocultación”, denuncia Rey Leira.

A diferenza entre ambos proxectos é, ademais, substancial. Mentres que a planta prevista na Laracha contaba cunha capacidade de tratamento de residuos duns 65.000 toneladas anuais, a de Teixeiro elevaríase ata as 150.000 toneladas. “Estamos a falar dunha macroplanta que duplica á de Laracha. A pregunta é clara: queremos en Curtis o que non quixeron na Laracha, e ademais multiplicado por dous?”, cuestionan os socialistas.

Desde o PSOE alertan das consecuencias que pode ter unha instalación destas características: malos olores derivados do tratamento masivo de puríns e lodos procedentes de granxas toda Galicia, tráfico continuo de camións pesados e posibles afeccións ambientais, especialmente no relativo ás augas e ao entorno natural.

“O modelo do PP é traer a Curtis os residuos de toda Galicia mentres os beneficios quedan en mans privadas. Os veciños e veciñas quedarían cos cheiros, co tráfico e cos riscos ambientais”, critica Rey Leira.

Os socialistas lembran que o proxecto está xa nunha fase moi avanzada de tramitación, conta co respaldo da Xunta de Galicia como proxecto industrial estratéxico e cun aval ambiental condicionado, polo que consideran “inaceptable” que a veciñanza siga sen coñecer os detalles dunha iniciativa que marcará o futuro do municipio. Por todo iso, o PSOE de Curtis esixe ao alcalde que “abandone o escurantismo”, faga pública toda a información dispoñible e abra un proceso de diálogo real coa cidadanía. “O mínimo esixible é transparencia e respecto polos veciños e veciñas. Non se pode decidir algo así ás costas de todo un pobo”, conclúen.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes