Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG leva ao Parlamento as deficiencias do CEIP da Solaina en Narón e reclama unha rehabilitación integral urxente

  • Os socialistas denuncian o deterioro das instalacións e esixen á Xunta actuación inmediata, mentres instan ao goberno local de Narón a liderar as reivindicacións da comunidade educativa

O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia levará ao Parlamento a situación do CEIP da Solaina, no concello de Narón, tras manter unha xuntanza coa ANPA do centro, que trasladou un dosier coas deficiencias existentes nas instalacións e que, segundo sinalan, xa foi remitido en varias ocasións á Xunta de Galicia sen obter resposta.

A iniciativa parlamentaria rexistrada reclama a elaboración e execución urxente dun proxecto de rehabilitación integral do centro, así como a adopción de medidas provisionais que garantan condicións dignas, seguras e hixiénicas para o alumnado e o persoal.

O deputado socialista Aitor Bouza explicou que “trátase dunha reivindicación xusta da comunidade educativa” e subliñou que “ter condicións dignas para poder impartir a docencia é o mínimo que se lle pode esixir á Xunta de Galicia”. Bouza advertiu do estado das instalacións, sinalando a existencia de “goteiras, manchas de humidade, ventás absolutamente destartaladas e unha infraestrutura que, polo paso do tempo e pola falta de rehabilitación, está en condicións pésimas”.

Neste sentido, anunciou que o PSdeG presentará unha batería de iniciativas no Parlamento para esixir ao Goberno galego unha actuación inmediata e o compromiso coa comunidade educativa de Narón. “É tan sinxelo como que o conselleiro de Educación veña ata aquí, vexa as instalacións e comprobe in situ a necesidade real que teñen os nenos e nenas”, afirmou, engadindo que a situación actual “é absolutamente intolerable”.

O deputado tamén reclamou a incorporación dunha partida específica nos orzamentos da Xunta para acometer esta actuación e reiterou o compromiso do grupo socialista de seguir trasladando ao Parlamento as demandas das ANPA e das comunidades educativas.

Pola súa banda, o voceiro socialista en Narón, Jorge Ulla, criticou a falta de resposta das administracións ante a situación do centro. “Os socialistas de Narón non podemos quedar calados ante o que está a pasar no CEIP da Solaina”, afirmou, ao tempo que denunciou que “o goberno local ponse de perfil mentres os baños do colexio seguen nun estado deplorable”.

Ulla reclamou á alcaldesa que lidere a defensa dos intereses do alumnado e instou ao goberno de Marián Ferreiro a exercer máis presión institucional. “O Concello ten que estar coa ANPA e poñerse á fronte das reivindicacións das familias, non nas fotos”, sinalou. Ademais, subliñou que “os nenos e nenas da Solaina merecen que os seus gobernantes loiten por eles con todas as ferramentas dispoñibles”.

Desde o PSdeG insisten en que a situación do CEIP da Solaina é consecuencia dunha falta de planificación e investimento sostido en infraestruturas educativas, e reclaman unha resposta inmediata que garanta unhas condicións adecuadas para o desenvolvemento da actividade educativa.


Aitor Bouza – CEIP Solaina Narón – abr26
Jorge Ulla – CEIP Solaina Narón – abr26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes