O PSdeG de Teo esixe que a conselleira de Medio Ambiente rectifique as súas “fondamente desafortunadas” declaracións
- Mayte Argibay lamenta que a conselleira reduza a preocupación da veciñanza á creación de “plataformas cada vez que se queira instalar algo”
“As declaracións recentes da conselleira de Medio Ambiente sobre a oposición veciñal á planta proxectada en Feros resultan fondamente desafortunadas e merecen unha rectificación pública inmediata”, afirma a voceira socialista local Mayte Argibay.
A socialista lamenta que a conselleira se referise á lexítima preocupación dos veciños á creación de “plataformas cada vez que se queira instalar algo”, nas palabras da propia conselleira.
“Non só é inxusto, senón que denota unha preocupante falta de respecto cara á participación cidadá”, advirte Argibay. “Defender o territorio, a saúde e a calidade de vida non é un capricho, é un dereito”, engade.
Sinala que “ninguén nega a necesidade de xestionar os residuos, pero esa xestión non pode impoñerse sen diálogo real, sen transparencia e sen ter en conta ás comunidades afectada”. Para a socialista “a cidadanía non é un obstáculo, é unha parte fundamental na toma de decisións que afectan directamente ao seu entorno”.
“Por todo isto, esiximos unha desculpa pública por unhas palabras que deslexitiman a voz veciñal e banalizan un debate serio, e lembramos que gobernar implica escoitar, respectar e dialogar, non desacreditar”, subliñou.
“Do mesmo xeito, resulta insuficiente a postura da alcaldesa, Lucía Calvo, quen afirma estar ao lado da veciñanza mentres se limita a lembrar que a tramitación corresponde á Xunta e que hai que cumprir a lei”, apunta a portavoz socialista en Teo.
“Pertencendo ao mesmo partido político que a conselleira, as súas declaracións quedan en simples palabras se non van acompañadas de feitos”, critica Argibay. “En lugar de encabezar unha defensa firme dos intereses da veciñanza fronte á Xunta, o que transmite é unha posición máis próxima ao seu propio partido ca á cidadanía á que representa”, apunta. Proseguiu esixindo á alcaldesa de Teo “que se poña do lado da veciñanza e do resto de grupos políticos na loita en contra da instalación da planta de residuos en Feros”. “Galicia será referente non só por cumprir a lei, senón tamén por como trata á súa xente”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS