Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre denuncia que o goberno local impide o debate da súa moción sobre as subvencións ás asociacións

  • A iniciativa foi rexistrada o pasado día 20 de marzo, cumprindo todos os prazos establecidos

O Grupo Municipal Socialista de Cambre denuncia publicamente a decisión da alcaldesa, Diana Piñeiro, do Partido Popular, de impedir o debate no pleno ordinario de hoxe da moción presentada para dar solución á grave situación que atravesa o tecido asociativo do municipio.

A iniciativa, rexistrada o 20 de marzo cumprindo todos os prazos establecidos, tiña como obxectivo que o Pleno se posicionase e impulsase medidas urxentes para desbloquear as subvencións pendentes dende o ano 2022, habilitar vías extraordinarias de financiamento e garantir unha convocatoria anual, regular e con prazos certos destas axudas.

Porén, a presidenta do pleno non permitiu nin sequera o seu debate, amparándose nun criterio técnico que reclasifica a iniciativa como “rogo” polo feito de instar ao goberno municipal a actuar.

Dende o PSOE de Cambre consideran esta interpretación “restritiva e interesada”, xa que o propio Regulamento Orgánico Municipal contempla as mocións como instrumentos para que o Pleno fixe posición política sobre asuntos de interese municipal, como é claramente este caso.

O portavoz socialista, Diego Alcantarilla, sinalou que “estamos ante unha decisión claramente política xa que a señora Alcaldesa podría permitir a presentación de dita moción, xa que ten potestad para facelo. Pero o que fixo foi usar  unha interpretación que lle interesaba  para evitar un debate necesario sobre un problema que afecta directamente a ducias de asociacións do noso concello”.

Alcantarilla tamén lamentou “a perda dunha oportunidade para que o Pleno, como máximo órgano de representación democrática, puidese impulsar solucións reais para as asociacións, que levan anos soportando atrasos, falta de resolución das axudas e unha absoluta falta de planificación”.

“Impediuse que o Pleno falase e que se adoptasen acordos para empezar a solucionar un problema urxente. Mentres tanto, as asociacións seguen esperando”, engadiu.

O Grupo Municipal Socialista quere deixar claro que, malia este bloqueo, continuará traballando para que as propostas incluídas na iniciativa saian adiante. Entre elas, a resolución inmediata das subvencións pendentes dos anos 2022 e 2023, a posta en marcha de mecanismos extraordinarios de apoio económico, a sinatura de convenios coas entidades para o ano 2026 e a garantía de convocatorias anuais estables no futuro.

“Non imos parar ata que esta situación se resolva. As asociacións de Cambre merecen respostas e compromiso, non escusas nin bloqueos”, concluíu Alcantarilla. Dende o PSOE de Cambre esixen ao goberno local que abandone a inacción e asuma dunha vez por todas a súa responsabilidade co tecido asociativo do municipio.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes