Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG forza a aprobación de medidas de control en Cabanas mentres o alcalde non dá explicacións e consolida un goberno sen planificación

  • O Grupo Municipal Socialista conseguiu no último pleno a aprobación dunha moción clave para reforzar o control da legalidade na xestión económica do Concello de Cabanas

O Grupo Municipal Socialista de Cabanas conseguiu no último pleno a aprobación dunha moción clave para reforzar o control da legalidade na xestión económica do municipio, ante unha situación que xa non pode considerarse puntual, senón un problema estrutural.

Desde o PSdeG-PSOE advirten que non se trata de erros illados, senón dunha forma de gobernar que se está repetindo no tempo e que evidencia unha falta de rumbo na acción do goberno municipal.

A moción aprobada permitirá activar mecanismos de control como a solicitude dun informe xurídico externo á Deputación, o reforzo do control interno e a remisión da documentación ao Consello de Contas de Galicia.

Durante o pleno, o Grupo Socialista puxo enriba da mesa unha realidade preocupante: expedientes con omisión de trámites esenciais, contratacións cuestionables, falta de control na execución de obras e retrasos reiterados na tramitación de facturas.

Neste contexto, os socialistas denunciaron que o goberno do Partido Popular está a actuar sen planificación, sen orzamentos, sen contar co resto dos grupos municipais e sen respectar os reparos formulados polo persoal habilitado, convertendo esta forma de xestión nun sistema habitual.

Especialmente grave foi, segundo o PSdeG-PSOE, a falta absoluta de respostas por parte do alcalde durante o pleno. A pesar das preguntas directas formuladas pola oposición, non aclarou se considera normal gobernar en contra dos informes de Intervención nin asumiu responsabilidade polos feitos expostos.

Para o Grupo Socialista, esta ausencia de explicacións evidencia a debilidade dun goberno en minoría que non só é incapaz de corrixir os problemas, senón tamén de dar conta da súa propia xestión.

Coa aprobación desta moción, foi o Pleno quen tomou a iniciativa para garantir o control, a transparencia e o respecto á legalidade, ante a falta de acción do goberno municipal.

O PSdeG-PSOE reafirma o seu compromiso cunha oposición firme, rigorosa e útil, orientada a garantir que o Concello de Cabanas funcione con transparencia, planificación e respecto ás normas.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes