Fernando Rey Leira, novo secretario xeral do PSdeG de Curtis
- Sinala como prioridades da agrupación socialista a vivenda, o mantemento, os servizos públicos, o apoio a asociacións e pequenas empresas, o transporte ou a seguridade
O PSdeG-PSOE de Curtis vén de elixir a Fernando Rey Leira, veciño da vila de Teixeiro, como novo secretario xeral da Agrupación Socialista Local.
Rey Leira, nado na Coruña en 1995, conta cunha longa traxectoria profesional como óptico, optometrista e audioprotesista. Moi activo no ámbito de voluntariado, foi voluntario na Once da Coruña, en Protección Civil e na Asociación Aesco de axuda contra a exclusión social.
Actualmente é coordinador do Departamento de Emerxencias en Aesco e subxefe de Protección Civil, así como impulsor da Asociación de Vecinos de Teixeiro e socio da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios de Curtis (ACHECUR).
“O PSdeG- PSOE de Curtis vén máis forte que nunca, con ganas, esforzo e ilusión, con moitos proxectos e máis futuro para a nosa veciñanza de Teixeiro e de Curtis”, afirma o novo secretario xeral local.
As demandas do PSOE local
O socialista sinala, entre os principais problemas actuais do municipio, o abandono total do mobiliario urbano, a falta de investimento en infraestruturas, as deficiencias nos centros educativos, a falta de apoio á pequena empresa ou ás asociacións e os problemas en seguridade, sanidade ou vivenda.
“Levamos meses esperando a que repoñan un farol no avenida Doutor Martínez Pardo e moitas máis demandas solicitadas e que non atenderon”, lamenta, citando como exemplo a petición socialista “tras a queixa dunha obra executada pola Xunta de Galicia na mencionada vía de pavimentación, saneamento e cableado soterrado cuxo resultado final foi catastrófico”.
Destaca tamén as “baldosas e bordos partidos” na avenida. “Contestáronnos recentemente que no mes de febreiro viría a empresa que executou a obra a reparar todo o que quedou mal, pero seguimos esperando”, critica.
Rey Leira salienta tamén as múltiples zonas sen cobertura móbil nalgunhas aldeas, as zonas ás que non chega a fibra óptica, e que “con carácter xeral, en todo o municipio carecemos dunha boa cobertura de radio, esencial para manternos informados”.
Deficiencias nos servizos públicos
Apunta así mesmo que o colexio de Teixeiro ten “demasiadas” deficiencias, xa que “case desde que se fixo non se volveu a rehabilitar, e iso leva a manifestarse ás familias do alumnado, por non falar da precariedade no comedor e as súas prazas reducidas”.
“Un colexio que non conta con cousas tan básicas como un salón de actos ou unha aula de informática”, critica o socialista, que reclama unha rehabilitación integral do centro.
Critica tamén que goberno municipal “non apoia ao pequeno comercio e hostalería, e só se ve involucrado no polígono”, onde “as ganancias que se fan non van para o pobo, van para unha empresa privada que non está ligada nin coa vila, nin coa súa veciñanza”. “Cada vez nótase máis, que non hai interese no pequeno comercio nin na vila, todo está centrado no polígono”, engade.
Denuncia por outra banda “o abandono total das asociacións do municipio, que non teñen apoio económico municipal, tamén das comisións de festas, xa que desde o propio Concello carécese dunha partida orzamentaria municipal para elas e para as festas que se celebran nas aldeas”.
Tamén como prioridade temos a comunicación e o transporte, xa que carecemos de liñas de transporte con frecuencia aceptables, autobuses, trens…” lamenta Rey Leira.
“En materia de seguridade, actualmente temos unha casa cuartel sen actividade, sen cubrir as prazas vacantes, aumentando no noso Concello a inseguridade para os veciños, o que conleva que teñamos un índice de criminalidade alto por roubos a pequeno comercio e hostalaría”, censura o socialista. “A nosa prioridade, é que se cubran esas prazas e que a maiores se cree a Policía Municipal”, apunta.
“Os nosos centros de saúde, en Curtis e Teixeiro, son un exemplo claro da situación actual da atención sanitaria, que queda curta e non dispón de suficiente persoal médico, demandamos máis profesionais e con máis horario, non ata as 11.00 da mañá”, subliña o secretario xeral local.
“No caso de Teixeiro falamos dun centro de saúde que á súa vez a partir das 15.00 da tarde é PAC e dá cobertura a todos os concellos do noso arredor”, lembra. “Un centro de saúde no que cando temos unha urxencia de gravidade, temos que solicitar o transporte aéreo sanitario dun helicóptero, que, á súa vez, ten que aterrar en fronte do centro de saúde, nun predio privado e non específico para ese uso”, salienta.
Vivenda, dereitos e transparencia
Ademais, no referente á vivenda, indica que “a falta de construción nova no noso concello, xa que a única prioridade é o Polígono, ocasiona que a vila non medre”. Solicita así mesmo ao goberno municipal a aplicación inmediata da legalidade en tema de privacidade e protección de datos ou a posta en marcha inmediata da gravación en directo dos plenos municipais.
“As nosas prioridades actualmente son o comercio, o patrimonio, a cultura, todas as asociacións do noso concello, a hostalería de Curtis e Teixeiro e por suposto o benestar e a calidade de vida da veciñanza”, resume o secretario xeral socialista en Curtis.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS