Inés Ramos urxe ao Concello da Laracha a “actuar na promoción de vivenda pública”
- A voceira socialista presentará no pleno mocións contra a guerra, para impulsar a vivenda e para paralizar a planta de biogás de Vista Alegre
- O Grupo Socialista traslada as queixas polo ruído na avenida López Astray e solicita aclaracións sobre a presenza de radón no edificio do Concello.
O Grupo Municipal Socialista da Laracha, encabezado pola súa voceira Inés Ramos, rexistra para o vindeiro pleno unha batería de iniciativas que abranguen “dende o compromiso coa paz internacional ata a calidade de vida, a saúde e a protección do territorio no municipio”.
Inés Ramos abrirá a súa intervención cunha “defensa firme da paz”, instando ás institucións a posicionarse contra os conflitos armados actuais. “Como representantes públicos non podemos ser alleos ao sufrimento humano, a paz debe ser un piar da nosa acción política, tamén dende o municipalismo”, defende Ramos.
No bloque de xestión local, a voceira socialista presentará unha moción para impulsar a promoción de vivenda pública na Laracha, o que considera “unha prioridade para a mocidade”.
O PSOE denuncia a falta de oferta a prezos accesibles, o que dificulta que a mocidade poida quedar a vivir no seu concello. A proposta insta ao goberno local a destinar solo municipal e buscar financiamento para vivendas protexidas de xeito inmediato.
O Grupo Socialista presentará tamén unha moción para solicitar a paralización da planta de biogás proxectada en Vista Alegre, na parroquia de Soandres. A iniciativa responde á preocupación veciñal polo posible impactos ambiental, paisaxístico e sobre a calidade de vida. O PSOE reclama ao goberno local que “escoite á veciñanza e actúe con prudencia ante un proxecto que xera incerteza no territorio”.
Respecto á calidade de vida urbana, Ramos trasladará un rogo polas queixas reiteradas dos veciños da avenida López Astray e “en defensa do dereito ao descanso nesta rúa”.
A voceira solicita medidas contra o ruído excesivo e os comportamentos incívicos durante as noites das fins de semana. “O lecer non pode ser unha escusa para impedir o descanso, o Concello ten que garantir o equilibrio entre a actividade hostaleira e a vida veciñal”, sinala.
Finalmente, no apartado de control ao goberno, a socialista interpelará ao goberno local sobre a posible presenza de gas radón no edificio do Concello. Tamén se preguntará pola presenza deste gas nos demais edificios públicos, dende instalacións municipais ata centros educativos.
O obxectivo é verificar se se realizaron as medicións de seguridade obrigatorias e se o aire que respiran traballadores e usuarios da administración local é saudable. “A saúde pública e a seguridade laboral son innegociables”, conclúe a voceira.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS