O PSOE denuncia a “parálise” do goberno de Cabanas e pide responsabilidade política ante un executivo “sen equipo e sen explicacións”
- Os socialistas lamentan que o BNG continúe “bloqueando o cambio dun goberno municipal esgotado e sen capacidade de xestión”
O pleno extraordinario celebrado esta semana no Concello de Cabanas, solicitado polo Grupo Municipal Socialista para aclarar a situación do cobro do aparcadoiro da Praia da Madalena e a xestión do piñeiral, deixou para o PSdeG “unha conclusión preocupante”, xa que “o goberno municipal do PP continúa sen ofrecer respostas claras nin asumir responsabilidades sobre cuestións que afectan directamente á veciñanza”.
“Durante a sesión plenaria, o alcalde non respondeu de maneira concreta ás preguntas formuladas polos grupos da oposición, limitándose a explicacións vagas e sen documentación que avale decisións tan relevantes como o inicio do cobro do aparcadoiro ou os informes técnicos que deberían sustentalo”, lamentan dende o grupo socialista.
“A pesar desta falta de explicacións, a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista foi aprobada por unanimidade, o que evidencia que todas as forzas políticas coinciden na necesidade de revisar e aclarar a situación”, engaden.
Para o PSdeG-PSOE local, o pleno tamén puxo de manifesto “unha realidade cada vez máis evidente en Cabanas, a inexistencia dun verdadeiro equipo de goberno”, xa que edís do Partido Popular “non asisten de maneira habitual ás sesións plenarias, mesmo cando se solicita expresamente a súa comparecencia para explicar asuntos das súas áreas de responsabilidade”.
“No pleno do pasado martes a situación foi especialmente significativa, xa que só dous concelleiros do PP permaneceron ata o final da sesión, mentres o resto abandonou o pleno antes de rematar”, explican.
Salientaron en particular a ausencia da concelleira de Medio Ambiente “nun pleno no que se abordaban cuestións directamente vinculadas coa súa área de goberno”. A súa comparecencia fora solicitada expresamente polos socialistas para explicar a situación do piñeiral da Madalena.
Para o PSOE, esta ausencia evidencia “prepotencia e unha falta de respecto cara á cidadanía e cara ao propio pleno municipal”. “A súa obriga era estar presente e dar conta da xestión da súa área”, sinalan.
Ante esta situación, o PSOE lembra que “existe unha maioría progresista na Corporación municipal e que tanto socialistas como Candidaturas Veciñais de Cabanas coinciden en que o actual goberno municipal está esgotado e sen capacidade de xestión, polo que é necesaria unha alternativa de goberno que atenda os problemas reais da veciñanza, que dea explicacións e que dea a cara”.
Neste sentido, o Grupo Municipal Socialista lamenta que o BNG sexa “a única forza que continúe bloqueando un cambio político que as demais forzas progresistas consideran necesario nun Concello paralizado”. “Están bloqueando o cambio dun goberno municipal esgotado e sen capacidade de xestión”, indican dende o grupo.
Sinalan ademais que “nunca estableceron liñas vermellas nin condicións previas ao BNG para explorar unha alternativa de goberno, polo que non entenden a súa posición de manter o goberno do PP”. Ao seu xuízo,” manter a un executivo en minoría, sen transparencia e sen funcionamento normal das súas responsabilidades, resulta difícil de explicar ante a cidadanía”. Conclúen afirmando que “Cabanas debe ter un goberno que funcione, que dea explicacións e que respecte aos veciños e veciñas”, e aseguran que seguirán traballando “para que o Concello recupere a normalidade institucional e a transparencia que a cidadanía merece”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS