O PSdeG reclama que a Xunta reciba ao alcalde de Valdoviño para falar sobre a construción do instituto
- Aitor Bouza sinala que esta infraestrutura educativa é necesaria e demandada pola veciñanza do municipio
O PSdeG-PSOE leva ao Parlamento de Galicia a petición de crear un instituto de Valdoviño, logo dunha xornada de traballo conxunta co rexedor Alberto González Fernández.
O alcalde socialista trasladou ao Grupo Parlamentario Socialista a demanda de que a Xunta de Galicia adquira o compromiso de construir dito instituto, así como unha reunión coa Consellería de Educación para avanzar cara a este obxectivo.
O parlamentario socialista Aitor Bouza reclamou que o conselleiro Román Rodríguez “reciba dunha vez ó representante lexítimo dos veciños e veciñas de Valdoviño, como é o seu alcalde”.
Bouza explica que González “xa pediu en numerosas ocasións esa xuntanza para poder abordar esta cuestión”. “A día de hoxe segue sen recibilo”, lamenta o deputado.
Destacou que esta infraestrutura educativa que está a reclamar dende o Partido Socialista, “tamén como non pode ser doutro xeito, se está reclamando por parte da comunidade educativa”.
“Intentamos que se incorporase esta partida aos orzamentos do ano 2026 dentro das nosas emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia e tamén levamos a debate a través dunha proposición non de lei no Parlamento”, lembrou. O PP votou negativamente ante estas iniciativas.
“Nós, fronte a este rexeitamento absoluto do Partido Popular a que se realice este instituto en Valdoviño, seguiremos traballando para que da man da comunidade educativa se poda desenvolver canto antes o proxecto”, indica o parlamentario.
Para Bouza, “o primeiro que ten que facer a Xunta de Galicia, o señor conselleiro de Educación, é recibir o seu alcalde” para atender “unha reclamación que fai a comunidade educativa e toda a vila, porque realmente o precisan, porque é necesario”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS