Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclamará no Parlamento galego melloras urxentes para os centros educativos de Zas

  • Sheila Rial, Patricia Iglesias e Aitor Bouza visitaron o CPI de Zas, denunciando o “perigo para a saúde e a seguridade” que supón o seu estado

Tamén acudiron ao CEIP Labarta Pose, sinalando a presenza de humidades, goteiras e tuberías oxidadas


O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento galego melloras urxentes para os centros educativos de Zas, concretamente o CPI de Zas e o CEIP Labarta Pose.

Por unha banda, dende o Partido Socialista denuncian o “perigo para a saúde e a seguridade do alumnado e do persoal” que implica o “estado lamentable” no que se atopa o CPI de Zas.

A portavoz do PSdeG de Zas, Sheila Rial, fixo esta afirmación durante unha visita ao centro educativo acompañada de Patricia Iglesias e Aitor Bouza, membros do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia.

A voceira socialista lamenta que os deshumidificadores son “uns máis nas aulas” e que alumnado e persoal precisan chubasqueiros e cascos para poder acceder ao centro e desenvolver a súa actividade con seguridade nel.

Rial, Iglesias e Bouza tiveron a ocasión de intercambiar impresións co profesorado e a ANPA do CPI de Zas durante a visita, quen lles trasladaron as súas reivindicacións de melloras.

“O que se ve nas fotos queda curto comparado coa realidade”, lamenta Sheila Rial. “É un perigo para a saúde e a seguridade do alumnado e do persoal”, afirma.

Por outra banda, visitaron tamén o CEIP Labarta Pose, criticando que “a falta de interese” no centro levou a aparición de numerosas deficiencias, tales como humidades, goteiras, teitos inestables ou tuberías oxidadas.

“As nenas e nenos xa nin beben auga porque nin hai subministración suficiente nin é seguro usar a que sae dunhas tuberías oxidadas”, advertiu Rial, engadindo que “non se pode estudar nin traballar con seguridade e tranquilidade onde chove e o teito non é estable”.

En referencia ao conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, subliñou que “o señor Román ten que vir, ver e atender á ANPA e aos docentes e solucionar esta situación”.

A socialista instou tamén ao Concello de Zas a “comprometerse realmente” con buscar unha solución para estas problemáticas. Ademais, avanzou que a cuestión será levada ao Parlamento polo Grupo Socialista o mércores 11 de febreiro.

“Será tratada no vindeiro pleno do Parlamento de Galicia ante o Conselleiro de Educación”, indica Rial, ao tempo que subliña que o Partido Socialista seguirá “loitando ata que haxa un compromiso firme e unha solución real”.

“Desde o PSdeG-PSOE de Zas seguimos defendendo aos nosos centros escolares, porque a educación non pode esperar”, conclúe a portavoz socialista local.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes