Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama á Xunta que “cumpra o seu compromiso” e constrúa a pista cuberta para o IES Concepción Arenal

  • Os socialistas denuncian dous anos de “promesas incumpridas” da Consellería de Educación e a falta de xestión do goberno local

O vicevoceiro socialista en Ferrol, Julián Reina, e o deputado do PSdeG no Parlamento galego, Aitor Bouza, participaron hoxe nun canutazo realizado á porta do IES Concepción Arenal de Ferrol para denunciar o atraso na execución da pista cuberta que prometera a Consellería de Educación e reclamar solucións inmediatas para o centro.

Reina explicou que no pleno de maio deste ano se aprobou unha moción con dúas propostas concretas: dotar ao IES Concepción Arenal dun pavillón con pista cuberta e, mentres non se dotara desta pista, “dar algún tipo de solución ao centro para que o alumnado non se vise afectado pola deficiencia de infraestruturas”.

Segundo explicou o voceiro socialista, “nese pleno aprobabamos por unanimidade, co voto favorable do Partido Popular, esta proposta dos grupos da oposición do Concello”, e destacou que xa nese pleno “o noso voceiro, Ángel Mato, advertira que faríamos seguimento do cumprimento destes acordos”.

Finalmente, hoxe afirmou que “xa está rematando o primeiro trimestre, e vemos como non hai ningún tipo de avance nin información en relación con este tema”. Debido a isto, decidiron elevar o asunto ao Parlamento porque “o alcalde non o fai”.

Pola súa banda, Bouza indicou que o obxectivo do acto era “reclamar o que os compañeiros e as compañeiras de Ferrol levan meses traballando e reclamando ao carón da comunidade educativa”. Indicou que “xustamente o que fai o Partido Socialista é escoitar as demandas da comunidade educativa e trasladalas ás institucións onde realmente se poden acometer esas medidas para solucionar os problemas das nenas e dos nenos”.

O deputado expuxo que “o goberno municipal, liderado polo señor Rey Varela, nada fixo e nada lle reclamou ao seu propio goberno da Xunta de Rueda”. Engadiu que, por esa razón, trasladan a cuestión ao Parlamento.

Bouza afirmou tamén que “o conselleiro de Educación, que en campaña electoral convocou a comunidade educativa para sacar unha foto no ano 2023, continúa sen cumprir o compromiso”, e subliñou que “hoxe hai dous anos dese aniversario de promesas incumpridas”. Relacionou esa situación coa necesidade de reclamar un cumprimento efectivo das palabras do responsable autonómico ao afirmar que “o cumprimento dos acordos e das promesas é algo que non só hai que esixir, senón que é o que demostra a palabra dunha persoa que se dedica á política de xestión pública”.

O deputado insistiu na situación do alumnado ao afirmar que “as nenas e os nenos estanse vendo prexudicados, empregando aulas que non están capacitadas para poder realizar educación física en condicións”. Por este motivo anunciou que “o que imos esixir é que se incorpore unha partida orzamentaria nos orzamentos de 2026” mediante unha emenda.

Bouza afirmou que “imos ver que vota o Partido Popular a semana que vén”, xa que esta cuestión fora aprobada por unanimidade no Concello e “veremos como dentro de quince días no Parlamento o voto vai ser negativo”.

O deputado subliñou tamén que desenvolverán máis traballo parlamentario: “Non imos cesar polo feito de que o Partido Popular vote en contra, senón que presentaremos tamén unha batería de iniciativas para que se debata, se sustancie e se vote expresamente sobre esa cuestión”. Indicou que esas iniciativas teñen como obxectivo que a Xunta esclareza “se vai cumprir a súa palabra coa comunidade educativa e vai realizar a pista cuberta neste Instituto Concepción Arenal de Ferrol”.


Julián Reina e Aitor Bouza – IES Concepción Arenal – dec25
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes