Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE esíxelle ao goberno local de Carballo que se posicione coa cidadanía e defenda o Casino da especulación

  • Advertiu que o contrario sería actuar “en conivencia” coa propiedade do inmoble e pór en perigo “un patrimonio histórico e cultural que é de todos”
  • “O alcalde debe pronunciarse sobre se defende os intereses xerais ou os intereses particulares”, reclamou
  • Para os e as socialistas, non se trata só de que a lei xa ampare a catalogación do edificio, senón que tamén “é unha cuestión de vontade política”
  • O Partido Socialista avisou de que vai seguir traballando para protexer o edificio sen deixarse intimidar polas advertencias dos donos

O Partido Socialista demandoulle hoxe ao goberno municipal de Carballo que se posicione xa a favor de dotar de protección urbanística o edificio do Casino. “Trátase dun patrimonio histórico, social e cultural que é de todos os carballeses e carballesas”, lembrou.

Ante a “pasividade” que está a mostrar o executivo local, “arrastrando os pés” para evitar tomar partido polo que constitúe “un clamor da veciñanza”, a Agrupación socialista esixiulle que manifeste “de inmediato” o seu apoio á iniciativa que se vai debater no pleno do luns e evite crear incerteza. A través dela, o grupo municipal do PSdeG-PSOE reclama que a sede da Sociedade Cultural e Recreativa de Bergantiños sexa incluída no Catálogo de Protección do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

“O alcalde debe pronunciarse sobre se defende os intereses xerais ou os intereses particulares da propiedade”, reclamaron os socialistas, que advertiron que o Concello “non pode actuar en conivencia con calquera afán de especular cos terreos nos que se asenta unha das escasas construcións históricas coas que conta a vila e pór en perigo a súa pervivencia”. “Debe situarse xa do lado da cidadanía”, insistiron.

Por outra banda, os socialistas reiteraron o seu compromiso de defender o patrimonio histórico e cultural de Carballo ata as últimas consecuencias, e avanzaron non van admitir “ningún tipo de intimidación”. Nese senso, afirmaron que non se van “deixar amedrentar” polas advertencias da propiedade de acudir aos xulgados.

Vías para a catalogación

Tal como recordaron, a normativa “é clara e permite a catalogación”, xa que existen dous documentos nos que consta que o Casino foi levantado antes de 1926. Con todo, explicaron que a iso se engade o feito de que numerosas construcións posteriores a ese ano “tamén contan con protección debido ao seu interese patrimonial, histórico ou cultural”. Dese xeito, “non se trata unicamente dunha cuestión legal, senón que tamén é unha cuestión de vontade política”, sinalaron.

A moción que o grupo municipal do PSdeG-PSOE defenderá no pleno do luns obedece á necesidade de garantir a pervivencia do Casino “e que non se reproduza o que aconteceu con construcións da mesma época que contaban con interese arquitectónica”, como a antiga Casa do Concello ou a igrexa, e que foron derrubadas hai medio século.

Como antecedentes desa reivindicación, os socialistas lembraron a declaración institucional que aprobou o pleno en 2017 e, en especial, o apoio cidadán co que conta a preservación do Casino, tal como se demostrou, por exemplo, coa recadación de 70.000 euros nunha colecta pública de só unha semana para exercer o dereito de retracto na venda do inmoble á actual propiedade. “Queda claro o interese social en protexer esta institución e a importancia de que continúe no seu emprazamento actual”, recolle a iniciativa socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes