O PSdeG critica a falta de investimento da Xunta en Cabanas a pesar das necesidades en Sanidade, Educación e Infraestruturas
- Dende o Grupo Municipal Socialista destacan a necesidade de ampliar o Centro de Saúde, dotalo de ascensor e mellorar a súa eficiencia enerxética
O PSdeG-PSOE de Cabanas lamenta a falta de investimentos da Xunta de Galicia á luz dos novos orzamentos da institución para o vindeiro ano 2026.
Dende o Grupo Municipal Socialista sinalan as diferentes necesidades de municipio que consideran que precisarían de investimentos por parte da Xunta, comezando polas deficiencias do Centro de Saúde.
“É necesario e urxente a mellora enerxética, incluíndo o cambio de xanelas e a reparación de cuberta e a caldeira, do mesmo xeito que a ampliación do propio centro para ter máis consultas”, explican dende o PSOE. “Ademais, estamos en 2025 e a día de hoxe non dispón de ascensor”, engaden.
No referente á estrada autonómica AC-122, “a Xunta aparcou no 2021 a humanización desa estrada ao seu paso pola parroquia de San Martiño, a peasr de que existe proxecto redactado, simplemente teñen falta de vontade para facelo”.
Sobre o colexio, dende o grupo socialista afirman que “é necesaria e urxente tamén a mellora enerxética do centro, de novo con cambio de xanelas, portas e caldeira”.
Botan en falta tamén “un gran investimento en captación e subministración de auga”, xa que “a Xunta non dota ao Concello das ferramentas suficientes para unha correcta subministración”.
“Na actualidade, Cabanas conta cunhas instalacións de captación e tratamento de augas completamente obsoletas e con baixa capacidade para a poboación que temos, o que fai que proxectos como a subministración a Laraxe estean paralalizados”, apuntan.
Mentres tanto, critican que “si que houbo nestes tempos subvencións da Xunta, pero en boa parte dos casos para cuestión menos urxentes como arranxar o edificio do Concello ou embelecer rotondas”. Dende o PSdeG-PSOE anuncian que levarán a cuestión ao Parlamento de Galicia para esixirlle ao Goberno galego máis compromisos con Cabanas nos seus orzamentos.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS