Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Coristanco pide acceso ás analíticas do pozo do CEIP Canosa-Rus tralas queixas pola auga

  • O PSdeG-PSOE esixe transparencia ao goberno municipal e á Xunta e solicita o acceso ás analíticas da auga do pozo, cuxa salubridade está a xerar “serias dúbidas”

O voceiro socialista no Concello de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, e a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, veñen de solicitar formalmente ao goberno local e á Xunta de Galicia toda a información relativa ás análises realizadas á auga do pozo instalado pola Administración municipal no patio do CEIP Canosa-Rus.

O PSdeG-PSOE denuncia que a perforación deste pozo levouse a cabo sen ningún estudo previo, o que provocou problemas de calidade da auga desde o inicio do curso escolar. De feito, xa no arranque do período lectivo a comunidade educativa advertiu do mal estado e do cheiro desagradable da auga, circunstancia que obrigou ao goberno municipal a colocar carteis advertindo “auga non potable” mentres non se coñecían os resultados das correspondentes análises.

Pérez Abelenda advertiu de que esta situación implica riscos para a saúde de alumnado, profesorado e persoal do centro, e cualificou de “inaceptable” que “se executase a acometida sen un estudo previo”. Por este motivo, o PSdeG solicita transparencia e reclama as analíticas realizadas ata o momento, así como as autorizacións relativas á execución do pozo. Pola súa banda, Patricia Iglesias cualificou a situación de “intolerable” e pediu coñecer que actuacións realizaron tanto o Concello como a Xunta. Sinalou que existen “moitas dúbidas pola mala calidade e o cheiro da auga”, e recordou que houbo numerosas protestas das familias. A deputada insistiu na necesidade de poñer fin á “opacidade” coa que, asegura, actúan ambos gobernos do PP.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes