O PSdeG reclámalle á Xunta unha mellora integral da AC455 en Val do Dubra e un trazado alternativo
- O alcalde socialista Diego Díaz e o parlamentario Aitor Bouza denuncian o mal estado da ponte sobre o río Dubra integrada nesta estrada autonómica
O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento de Galicia que a Xunta leve a cabo unha mellora integral na AC-455 ao seu paso por Val do Dubra e estableza tamén un trazado alternativo para liberar da sobrecarga de tráfico o tramo da ponte sobre o río Dubra.
O parlamentario socialista Aitor Bouza sinala que na súa visita ao municipio puido comprobar de primeira man como a ponte que forma parte desta estrada autonómica “necesita unha limpeza integral e un acondicionamento, despois de ver in situ cales son as deficiencias actuais”.
Por unha banda, o socialista solicitará no Parlamento galego que se faga un estudo para poder desviar o tráfico por outra vía. Ademais, presentará unha emenda aos orzamentos do 2026 para que se incorpore neles a mellora da seguridade vial na estrada ao seu paso por Val do Dubra.
Deste xeito, anuncia “unha batería de iniciativas para que se proceda á limpeza integral e ó acondicionamento desta ponte, que se elimine a maleza e que se comprometa a seguridade da infraestrutura, e, sobre todo, que se realice con carácter urxente unha avaliación técnica da estabilidade e a capacidade que ten a estrutura”.
Bouza sinala que esixirá “que se garanta que se cumpren os requisitos de seguridade viaria”, así como que “se planifiquen e se executen se fose necesario todas as obras de reparación derivadas deste estudo”.
Reclamou tamén que a Xunta faga uso “das súas propias funcións e competencias que teñen establecidas dende o goberno galego” para establecer “un novo trazado alternativo que permita desviar o tráfico máis intenso a unha zona con mellores condicións técnicas, reducindo a presión sobre esta ponte”.
Pola súa banda, o alcalde socialista da localidade, Diego Díaz, subliña a importancia destas reivindicacións “tanto para a veciñanza de Val do Dubra como das comarcas, sobre todo, de Compostela e Bergantiños, que utilizan este tramo de vía para os desprazamentos, principalmente, por motivos laborais”. “A ponte tamén está sendo utilizada por numerosas empresas para os seus transportes de mercadorías”, engadiu. O rexedor socialista pediu de novo “unha mellora de seguridade tan necesaria para os peatóns e tamén para os vehículos que transcurren”, xa que son “estimadamente máis de 8.000 vehículos ao día, e moitos deles de gran tonelaxe”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS