Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Rianxo presenta e consegue a aprobación dunha proposta para mellorar e planificar as actuacións nos campos de fútbol municipais

  • A proposta socialista dá resposta a unha demanda reiterada pola veciñanza e polos clubs locais, que levan tempo alertando da degradación progresiva das instalacións municipais.

Rianxo. O PSOE de Rianxo presentou e conseguiu a aprobación dunha proposta que permitirá avanzar na renovación urxente da herba sintética do Campo Municipal de Vilas e planificar as actuacións necesarias no Campo Municipal da Lomba, co obxectivo de garantir unhas instalacións deportivas seguras, modernas e axeitadas para o uso diario de clubs, escolas e deportistas.

A proposta socialista dá resposta a unha demanda reiterada pola veciñanza e polos clubs locais, que levan tempo alertando da degradación progresiva das instalacións municipais, especialmente no Campo de Vilas, onde o desgaste do céspede xa condiciona a práctica deportiva e incrementa o risco de lesións.

O acordo establece que a substitución da herba de Vilas se financie a través do POS Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña, cun investimento estimado de 227.000 euros, asumindo o Concello de Rianxo con fondos propios a parte que poida superar esa cifra. Na 2ª fase deste POS Adicional incluirase o financiamento de investimentos financeiramente sostibles, e o prazo de presentación da documentación para esta segunda fase esténdese desde o 3 de novembro ata o 30 de decembro de 2025 ás 15:00 horas.

En canto ao Campo Municipal da Lomba, o PSOE de Rianxo subliña a importancia de incrementar e mellorar as tarefas de mantemento, xa que a situación actual comeza a amosar desperfectos en zonas puntuais do terreo de xogo, máis aló do estado xeral da herba. Estes defectos, de non seren corrixidos a tempo, poderían derivar nun deterioro prematuro e nun gasto innecesario para as arcas municipais.

Por iso, a proposta tamén inclúe a realización dunha valoración técnica do Campo da Lomba, que permita determinar a vida útil restante do céspede, planificar a súa renovación —situada orientativamente no ano 2028— e reforzar o mantemento preventivo nos próximos anos para garantir condicións seguras e adecuadas de xogo.
Os socialistas quixeron destacar o papel fundamental dos clubs, das directivas e das familias, que durante anos teñen asumido o coidado, o mantemento e a dinamización destas instalacións, facendo posible que o deporte de base siga sendo un motor social e educativo en Rianxo.

O PSOE considera que este acordo debe supoñer un punto de inflexión na planificación das infraestruturas deportivas municipais, marcando un cambio de rumbo que combine previsión, coidado e responsabilidade pública.

“Non se trata só de renovar, senón de coidar e planificar. O deporte de base en Rianxo precisa instalacións seguras e dignas do esforzo dos nosos clubs e das familias. Agora é o momento de actuar con previsión e responsabilidade”, sinalou o voceiro socialista Óscar Rial.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes