Bernardo Fernández esíxelle a Paula Mouzo que rectifique as súas “intolerables” acusacións contra a alcaldesa de Camariñas
- “De non facelo, esixímoslle ao seu superior inmediato, que é o señor Rueda, que tome cartas no asunto e que lle obrigue a desculparse ante todos os veciños e veciñas”, afirma
O secretario xeral do PSdeG-PSOE Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, amosa o seu “claro rexeitamento” ante as manifestacións realizadas pola deputada do PP no Parlamento galego Paula Mouzo sobre a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua.
Para o socialista, trátase dunhas declaracións “totalmente inapropiadas nunha servidora pública e totalmente vergoñentas, de aí que esixamos á señora deputada a súa rectificación e que pida desculpas a todos os veciños e veciñas de Camariñas”.
Fernández Piñeiro sinala que Mouzo lle falta ao respeto á veciñanza do municipio cando afirma que a alcaldesa de Camariñas, cando se fala de narcotráfico, baixa a cabeza porque non quere perder votos.
“Facer unha relación entre as persoas que votan, maioritariamente por certo, á alcaldesa de Camariñas, outorgándolle xa varias maiorías absolutas, e o narcotráfico é unha auténtica falta de respecto, como digo, non á alcaldesa, se non aos veciños e veciñas de Camariñas aos que esta señora pretende representar algún día”, afirma.
“Esixímoslle que rectifique, que pida desculpas, e de non facelo, esixímoslle ao seu superior inmediato, que é o señor Rueda, que tome cartas no asunto e que lle obrigue a desculparse ante todos os veciños e veciñas de Camariñas por unhas desafortunadas, cando menos, e sendo bastante xeneroso co termo, declaracións no Parlamento”, engade.
O secretario xeral provincial insiste en que “non é de recibo por parte dunha servidora pública, por parte de toda unha deputada, facer unha afirmación desas características”. “En Galicia e en España sabemos perfectamente de que lado están as relacións entre a política e o narcotráfico e non é do lado precisamente do PSdeG”, apunta. Conclúe recomendándolle a Mouzo mirar “dentro das súas propias filas o ocorrido no pasado, do que hai boa mostra tanto en imaxes como en distintos medios de comunicación, antes de facer afirmacións calumniosas e intolerables como esas”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS
