O PSOE da Laracha solicita a convocatoria urxente da Xunta Local de seguridade ante a falta de efectivos da Policía Local
- Inés Ramos López sinala que a convocatoria “non pode demorarse máis ante a evidente necesidade de reforzar o servizo e ofrecer á veciñanza a tranquilidade que merece”
A voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha, Inés Ramos, presentou a través da sede electrónica do Concello unha solicitude formal para a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade, debido ao que califica de “preocupante falla de efectivos da Policía Local no municipio”.
“Desde o grupo socialista observamos problemas crecientes na atención cidadá, no control do tráfico e na prevención de condutas incívicas, derivados da escaseza de axentes dispoñibles, unha situación que está a xerar inseguridade e preocupación entre a veciñanza”, indica Ramos.
A voceira socialista local subliña que “a seguridade cidadá é unha prioridade que require coordinación e resposta inmediata por parte de todas as administracións implicadas”.
Por esta razón, o PSOE da Laracha solicita que na xuntanza da Xunta Local de Seguridade participen a Alcaldía, representantes da Policía Local, da Garda Civil e tamén a Subdelegación do Goberno na Coruña, co obxectivo de avaliar a situación e impulsar medidas efectivas que garantan unha presenza policial axeitada en todo o termo municipal.
A portavoz do PSdeG-PSOE local lembra que a Xunta Local de Seguridade é o órgano de coordinación entre corpos e institucións responsables da seguridade cidadá, e considera que a súa convocatoria “non pode demorarse máis ante a evidente necesidade de reforzar o servizo e ofrecer á veciñanza a tranquilidade que merece”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS