O PSdeG de Ribeira denuncia a manipulación política do PP e esixe desculpas públicas a Vicente Mariño
- Os socialistas rexeitan calquera falsa acusación de acoso e lembran que quen se sente coaccionada e enganada é a veciñanza de Ribeira, non o PP nin o PBBI
A Agrupación Socialista de Ribeira quere expresar a súa condena ante calquera forma de acoso, pero tamén a súa máis firme negativa a aceptar acusacións falsas e manipuladas. O PSdeG e os simpatizantes non teñen realizado nin realizarán nunca ningunha acción de coacción ou intimidación contra ninguén.
Resulta profundamente indignante e preocupante que o Partido Popular e o Partido Barbanza Independente pretendan desviar a atención con falsidades e ataques infundados contra os socialistas, cando quen realmente se sente coaccionada e enganada é a propia veciñanza de Ribeira.
Desde o luns, os ribeirenses están a comprobar con asombro como de repente aparecen médicos, profesores, investimentos e solucións que durante meses se dicía que non existían. O que antes eran problemas imposibles de resolver, agora semellan desbloquearse por arte de maxia. Iso si é manipular e xogar coa xente: usar os servizos públicos como ferramenta de presión política.
Durante o tempo en que o PSdeG formou parte do Goberno local, perfís falsos e simpatizantes do PP e do PBBI dedicáronse a insultar e difamar en redes sociais ao noso representante, Francisco Suárez-Puerta Colomer, sen que ninguén da dereita se ruborizase nin fixese unha soa condena pública. Ao mesmo tempo, as sedes socialistas foron atacadas en distintos puntos do país sen que se amosase solidariedade algunha, nun contexto no que a campaña de desprestixio contra o noso partido se converteu xa nunha práctica habitual da dereita. Agora, paradoxicamente, pretenden responsabilizarnos de actos que nada teñen que ver con nós, cando o máis probable é que as reaccións de enfado e malestar procedan de simpatizantes do propio PBBI, que se senten traizoados polo seu pacto co Partido Popular.
Os socialistas de Ribeira non promoveron ningunha actitude de acoso. Pola contra, actuamos con respecto e responsabilidade democrática, e esperamos que Vicente Mariño rectifique e pida desculpas publicamente por acusar falsamente aos socialistas de fomentar estas situacións. O PSdeG-PSOE reafirma o seu compromiso cunha política baseada na verdade, no respecto e na coherencia coa palabra dada á cidadanía. Ribeira non precisa manipulación nin escenificacións: precisa honestidade, coherencia, traballo e responsabilidade pública.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS