O PSOE de Carballo lamenta que o novo alcalde xure a Constitución por imperativo legal: “nesta cuestión non pode haber medias tintas”
- María Carmen Vila critica que “os complexos do BNG impidan que Daniel Pérez prometa cumprir a propia norma que lle permite ser alcalde”
O PSdeG-PSOE de Carballo lamenta que o novo alcalde do BNG no municipio, Daniel Pérez, optase por estrearse no cargo xurando cumprir a Constitución Española “por imperativo legal” no pleno de investidura.
A voceira socialista local María Carmen Vila afirmou que “nesta cuestión non pode haber medias tintas, ou estás coa Constitución que garante a convivencia e igualdade de todos e todas en España ou estás contra ela”.
A socialista critica que “os complexos do Bloque Nacionalista Galego impidan que Pérez prometa cumprir a propia norma que lle permite ser alcalde e que posibilitou que vivamos máis de 46 anos de democracia e liberdade no noso país”.
Ademais, dende o PSOE local censuran a decisión do novo rexedor de non acudir á cerimonia relixiosa, á que si acudía o seu predecesor o tamén nacionalista Evencio Ferrero, pero si aos pinchos posteriores.
Para Vila, “Daniel Pérez afirma que quere gobernar para a toda a cidadanía de Carballo, non só para votantes do Bloque, pero logo ten este tipo de xestos puramente ideolóxicos que o único que xeran é división e crispación”.
Engade que “o alcalde representa á cidadanía de Carballo e a unha institución como é o Concello, e polo tanto, se di representar a toda a veciñanza, ten que guiarse por criterios institucionais e non polas súas crenzas persoais”.
“Nun momento no que a intolerancia ameaza os valores da Constitución, é máis importante que nunca defendela e amosar apoio sen ambaxes á mesma, pois o contrario é colaborar e facerlle o xogo aos que queren destruíla e volver atrás”, afirma Vila. “Dende o Partido Socialista estaremos sempre do lado da nosa Constitución e do respecto á legalidade e a vontade democrática expresada polo pobo español que nela se ve representada”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS