O PSdeG reclamará no Parlamento galego máis profesorado para o CEIP Valle Inclán de Oleiros
O PSdeG-PSOE presentará no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas coas que pretende denunciar a situación de falta de profesorado no CEIP Ramón María del Valle Inclán, en Oleiros, e reclamarlle á Xunta unha solución ao problema.
A deputada socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, presentará estas iniciativas co obxectivo de dar voz as reivindicacións da ANPA Valle Inclán, que leva dende principios de curso protestando contra esta situación.
A falta de profesorado orixinouse, segundo explica Longueira, cando a Consellería de Educación pechou grupos en dous cursos do colexio, aumentando o número de alumnos por aula.
“Isto supón que, ao eliminar grupos, van eliminar profesores, e tratan de solventalo cos docentes que foron enviados polo plan MEGA para reforzo educativo e que pasaron a ser inmediatamente mestres titores, reducindo así a atención necesaria ao alumnado con diversidade funcional”, sinala.
“Con case 450 alumnos e 37 docentes, en moitas sesións o colexio conta con tan só un docente de garda, algo que é totalmente insuficiente”, lamenta a parlamentaria socialista.
Por outra parte, “proxectos didácticos de extremo interese, como son a horta, robótica, informática ou a sección bilingüe, e actividades extraescolares complementarias como as saídas didácticas e excursións, estanse vendo afectadas e reducidas pola necesidade dun docente de apoio en cada saída que non existe”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS