Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Ribeira sinala que a moción de censura “é unha manobra de reparto de poder entre bastidores”

  • A agrupación socialista local anuncia “unha ofensiva política e social para lograr a alcaldía nas municipais de 2027”

O PSdeG-PSOE de Ribeira expresa “o seu firme rexeitamento á moción de censura anunciada polo Partido Popular e o PBBI, unha manobra de reparto de poder entre bastidores que non responde ao interese xeral da cidadanía, senón a cálculos partidistas”.

“Desde o PSOE consideramos que Ribeira merece un novo goberno, pero non un que nazca do xogo de intereses particulares e políticos nos despachos, senón un proxecto político sólido, transparente e centrado nas persoas, que sitúe os intereses da veciñanza por riba das ambicións particulares dos de sempre”, indican.

“A moción promovida polo PP demostra que non teñen un proxecto para Ribeira, senón unha urxencia por recuperar o poder sen pasar polas urnas”, lamentan dende o PSOE local. “Mentres eles pactan no escuro, nós estamos na rúa, escoitando, propoñendo e traballando día a día por un futuro mellor para o noso concello”, engaden.

Por todo isto, a formación anuncia “o inicio dunha nova etapa política en Ribeira, cunha ofensiva social e política para lograr a alcaldía nas municipais de 2027 aberta a toda a cidadanía, construíndo unha alternativa real de goberno que devolva a dignidade, a igualdade de oportunidades e o progreso ao Concello”.

“O noso obxectivo é claro, construír o mellor proxecto político para que Ribeira teña unha alcaldía socialista”, sinalan. “Un goberno digno, liderado por persoas comprometidas, con ideas novas, e cunha folla de ruta clara para deixar atrás a parálise e aproveitar todo o potencial do noso municipio, para darlle a Ribeira o pulo que necesita”, apuntan. “Nese camiño, os e as socialistas tendemos a man a todas as forzas progresistas e á sociedade que comparte con nós a idea dun futuro mellor para Ribeira”, conclúen dende a agrupación socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes