O PSOE de Coristanco denuncia o deterioro do Servizo de Axuda no Fogar e presenta unha moción para reclamar solucións inmediatas
- A formación socialista pide aclarar a situación do SAF, mellorar as condicións laborais das profesionais e garantir a atención ás persoas usuarias
O Grupo Municipal Socialista de Coristanco vén de rexistrar unha moción para o pleno de setembro na que solicita o apoio da Corporación e a adopción de medidas urxentes fronte ao que cualifica como un “grave deterioro” do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
O voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, sinala que as familias das persoas usuarias “están a presentar reclamación tras reclamacións, as cales non son respostadas por parte deste goberno”. Segundo apunta, tamén se tramitan peticións de servizos complementarios e equipamentos, como grúas ou camas, “que non son suministrados para que os e as usuarias poidan ter unha atención axeitada”. Ademais, denuncia que se están a realizar inspeccións nas vivendas “sen a presenza dos familiares”.
O PSOE alerta de baixas entre as profesionais do servizo debido á precarización das condicións laborais, o que repercute directamente na calidade da atención ás persoas dependentes. “Estamos falando dun servizo esencial para a dignidade e o benestar dos nosos maiores e das persoas dependentes. Non podemos permitir que un goberno acomodado siga poñendo en risco a quen máis o necesita”, afirma Pérez Abelenda.
Na súa moción, o Grupo Socialista reclama que o Concello de Coristanco aclare publicamente a situación actual do SAF e indique as causas reais da súa precarización. Do mesmo xeito, insta a que se adopten medidas inmediatas que garantan a continuidade e calidade do servizo, restablecendo o persoal, os materiais e os equipamentos necesarios para atender axeitadamente ás persoas usuarias.
Ademais, propón a convocatoria dunha reunión urxente entre o goberno local, representantes sindicais e voceiros dos grupos municipais para abordar a problemática e buscar solucións conxuntas. Ademais, pide que se traslade o escrito á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, como entidade cofinanciadora, para que supervise a correcta prestación do SAF no municipio. Por último, Pérez Abelenda critica a “falta de control e de seguimento” do equipo de goberno, ao seu xuízo incumprindo a ordenanza municipal e descoidando a xestión dun servizo que considera “tan sensible”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS