Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Carballo lamenta “que o BNG e o PP se poñan de acordo” para bloquear o pleno extraordinario sobre o peche da gasolineira

-María Carmen Vila sostén que “a transparencia debería ser un eixe fundamental da acción do Concello” e insiste en reclamar o pleno extraordinario

-Pide que o Goberno local cuantifique a canto poderían ascender as indemnizacións por danos e prexuízos aos empresarios e como isto afectará aos orzamentos municipais


O PSdeG-PSOE de Carballo insiste na necesidade dun pleno extraordinario para que o Concello dea explicacións sobre o peche por orde xudicial da gasolineira da rúa Poñente, que pode acabar en reclamacións millonarias.

A voceira socialista local María Carmen Vila lamenta que o PP non apoie a súa petición de pleno a pesar de que din pedir unha depuración de responsabilidades pola situación.

“O pleno extraordinario é o mecanismo para que se dean as explicacións necesarias ante uns feitos tan graves, e que polo tanto se poidan depurar responsabilidades”, afirma a socialista.

“A veciñanza ten dereito a ser informada de xeito transparente, ten dereito a coñecer que erros houbo na tramitación, xa que esta cuestión non só implicará prexuízos para a empresa senón tamén perda de empregos e de fondos municipais”, engade.

María Carmen Vila critica “que o PP e o BNG se poñan de acordo para bloquear a convocatoria de pleno extraordinario, que permitiría arroxar luz sobre un problema de tanto interese público como é este”.

“Non se entende a oposición do PP á nosa reclamación, a transparencia debería ser un eixe fundamental da acción do Concello, e máis cando as consecuencias para as arcas municipais poden ser tan severas”, subliña Vila.

Reclamacións do Grupo Socialista

A voceira socialista insta ao Goberno local do BNG a “dar explicacións precisas sobre o procedemento seguido, non se poden seguir escudando nos informes técnicos sen aportar máis información”.

Esixe tamén ao Concello que cuantifique a canto poderían ascender as indemnizacións por danos e prexuízos aos empresarios despois de que a autorización da gasolineira fose rexeitada por diversas instancias xudiciais, e como isto afectará aos orzamentos municipais.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes