-”Isto formaba parte dese famoso Pacto de Estado por Ferrol, supoño que estará na lista de pendentes, xunto co solo industrial e o resto” ironizou Ángel Mato en referencia ao pacto impulsado por Feijóo en 2021
O PSdeG-PSOE criticou en Ferrol que o PP e o BNG votasen en contra da creación dun clúster da industria da defensa na cidade no Parlamento de Galicia.
O voceiro socialista local Ángel Mato comezou lembrando que o que lle trasladara “a ministra Margarita Robles en relación coa orde de execución do BAC (Buque de Aprovisionamento en Combate) non soamente se cumpriu, senón esa orde de execución xa chegou antes do previsto”.
“Con eses 650 millóns do novo proxecto, vai supoñer máis dunha década de carga de traballo no sector naval”, destacou o socialista. “Curiosamente isto está a facelo o Goberno de España en contra do que dúas forzas políticas están a facer tanto no Concello de Ferrol como tamén no Parlamento galego”, lamentou.
“Onte, o Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego votaron en contra dunha vella idea que xurdiu aquí en Ferrol despois de ter falado con moita xente vinculada ao sector naval, despois de ter falado con moita xente especializada na investigación e o desenvolvemento a nivel nacional no tempo en que participaba nas Comisións de Defensa sendo senador”, explicou.
Mato afirma que “cada vez máis é imprescindible aproveitar este impulso que agora ten a planificación estratéxica do Goberno en relación co desenvolvemento das políticas de Defensa para que Galicia conte cun clúster do sector en Ferrol”.
“Non chega con facer soldadura, montaxe, construción de bloques, cada vez son máis importantes a tecnoloxía, o desenvolvemento e a innovación para poder sacar adiante un programa tan importante como é o programa das F-111”, engade.
“En 2022, eu, como alcalde trasladeille ao propio Núñez Feijóo que, do mesmo xeito que en Galicia hai un clúster das enerxías renovables, que ten todo o sentido que estea ubicado aquí, ou un clúster da automoción, debería de haber un clúster da industria da defensa”, subliña o voceiro socialista.
Lembrou que “isto formaba parte dese famoso Pacto de Estado por Ferrol, supoño que estará na lista de pendentes, xunto co solo industrial e o resto”, en referencia ao pacto impulsado por Feijóo dende a Xunta en 2021.
Pola súa banda, o deputado autonómico socialista Julio Abalde lembrou que este clúster non é só “un mecanismo para xerar esta industria única e exclusivamente de defensa, senón que é un sistema para que actúe de tractor para o resto da industria”.
Unha industria, sinalou, “que ten aplicación tanto civil como militar e, sobre todo, que vai xerar postos de traballo e desenvolvemento, e un sector de innovación, de independencia tecnolóxica, moi importante e moi necesario para Galicia e para España”.
Formación e innovación
Abalde considera que Ferrol “cumpre todos os requisitos” para acoller o clúster, comezando pola presencia de Navantia, “unha empresa dedicada á defensa, pero tamén de alto nivel tecnolóxico e de innovación que se pode transmitir absolutamente a todos os sectores”.
“Estamos vendo que tamén teñen en Ferrol parte da industria civil vinculada ao tema das enerxías renovables, que tamén está aproveitando os desenvolvementos e os coñecementos, digamos, da parte militar”, indicou.
“Únese un centro de formación tan importante como o é a Universidade da Coruña, que ten ademais un centro de investigación mixto donde están traballando conxuntamente a universidade e mais Navantia”, destacou o parlamentario socialista.
Abalde apuntou que “este centro de investigación fixo que Navantia tomara a decisión de que determinadas estruturas de desenvolvemento da dixitalización da Armada, que ían estar ubicadas noutro lugar, se ubicasen aquí en Ferrol”.
Finalmente, o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro lamentou que “nesta cuestión xa chove sobre mollado”, en referencia a que “recentemente vimos de ver como BNG e PP votaban en contra da moción na que propoñíamos o apoio ao incremento do gasto en seguridade e defensa”.
“Vemos novamente un exemplo, por se alguén tiña algunha dúbida, do compromiso do PP e do BNG co sector naval de Ferrol e da súa bisbarra”, criticou Fernández Piñeiro, que lembrou que “o clúster non é ningunha invención novedosa, existe en Asturias, existe en Cantabria”.
Máis de 9.000 novos postos de traballo
Este agruparía “máis de 300 empresas relacionadas con este sector e que, polos datos que manexamos e que nos trasladan do propio sector, podería xerar máis de 9.000 postos de traballo”, indicou.
“O Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego, tan sensibles de boquilla durante moitos anos con este sector e coa necesaria carga de traballo, que como digo que é fundamental para a economía das familias das bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal, danlles agora as costas”, denunciou Fernández Piñeiro.
“Terán que explicar, cando veñan a Ferrol a manifestarse nalgunhas das concentracións que poida haber para demandar melloras nos estaleiros, para demandar máis investimentos, para demandar melloras no punto de vista dos dereitos laborais, por que se opoñen a algo que é fundamental para que todo iso que demandan de boquilla poida realmente realizarse”, subliñou.
Ademais, o secretario xeral provincial destacou que “o incremento do gasto en seguridade e defensa non está sendo asumido só polo Goberno de España, son moitos os gobernos europeos que adquiriron o comprimiso de incrementar o gasto en seguridade.
“España, afortunadamente, con esta bisbarra en concreto, é unha potencia dende o punto de vista da construción naval”, apuntou, mentres que “hai moitos países europeos que teñen unha industria naval ou moi minguada, ou incluso inexistente, e polo tanto non son competitivos”.
“Non entendemos cal é a negativa por parte do Partido Popular, e entendemos moito menos o argumento que utiliza o Bloque Nacionalista Galego cunha visión da nosa sociedade e do mundo que nos rodea e da xeopolítica que non ten nada que ver coa realidade”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS