O PSdeG provincial da Coruña celebra a primeira xuntanza da súa nova Comisión Executiva Provincial en Culleredo
-A reunión serviu para definir o programa de traballo das áreas e os obxectivos a nivel municipal, así como o calendario de renovación das executivas locais, que remata o 15 de xuño
-Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral reelecto: “Seguimos traballando sen parar para gañar as eleccións municipais de 2027 e manter o goberno da Deputación”
A Comisión Executiva Provincial (CEP) do PSdeG-PSOE Provincial da Coruña celebrou onte en Culleredo a súa primeira xuntanza despois do último congreso, celebrado o pasado día 11 de maio.
A reunión serviu para definir o programa de traballo das áreas e os obxectivos a nivel municipal. Tamén se aprobou o calendario de renovación das executivas locais, un proceso que deberá estar rematado como tarde o día 15 de xuño.
Este proceso está a ter lugar en toda España logo da celebración dos congresos provinciais. As asembleas extraordinarias para anovar as executivas locais deberán convocarse con polo menos 5 días de antelación, e as candidaturas presentaranse en listas paritarias pechadas.
A elección de representantes no Comité Nacional galego e no Comité Provincial realizarase mediante o sistema de voto maioritario en listas completas con tantos ou tantas membros como postos correspondan á Agrupación, incluíndo un máximo de tres suplentes.
Poderán obter representación aquelas candidaturas que superen o 20% dos votos válidos cando se elixan 3 ou máis representantes. O proceso de renovación das Coordinadoras Comarcais finalizará o día 29 de xuño de 2025.
O secretario xeral provincial reelecto, Bernardo Fernández Piñeiro, sinala ao respecto que “as agrupacións locais son a base do Partido Socialista, e son fundamentais de cara aos retos que temos por diante”.
“Agora toca escoitar á militancia de base para continuar reforzando o partido en todos os concellos da provincia, porque o municipalismo é o gran músculo do PSdeG”, engade o socialista.
Ademais, o secretario xeral provincial afirmou que “a nova CEP está composta por compañeiros e compañeiras de toda a provincia, de diferentes procedencias, idades ou sectores profesionais, que son un reflexo perfecto da nosa cidadanía”.
“Deste xeito conseguimos que non haxa separación entre a executiva, a militancia e a veciñanza dos concellos, pois estamos entre eles e entre elas, loitando conxuntamente polos seus intereses”, apuntou Fernández Piñeiro.
“Seguimos traballando sen parar para gañar as eleccións municipais de 2027 e manter o goberno da Deputación, non para ter o poder, senón porque estamos convencidos de que somos a mellor opción política para os galegos e as galegas”, concluíu.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS