Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Cambre anuncia que non entrará na Xunta de Goberno municipal e seguirá “facendo unha oposición responsable”

-Diego Alcantarilla explica que a Xunta non terá a representatividade dunha ampla maioría dos grupos políticos da corporación que puxeran como requisito para entrar

-O Grupo Municipal Socialista non aceptará ningunha dedicación, e tampouco apoiará ningún incremento retributivo


O PSdeG-PSOE de Cambre anuncia que non entrará na Xunta de Goberno municipal nin aceptará ningunha dedicación, afirmando que seguirá “facendo unha oposición responsable”.

“Despois de estar un tempo valorando se entrar na Xunta de Goberno ou non, decidimos finalmente que non imos entrar neste órgano”, explicou o voceiro socialista local Diego Alcantarilla, ao non cumprirse as condicións que indicara previamente.

“Por unha banda, porque nestes últimos días o BNG decidiu non pertencer á Xunta, polo que xa non se cumpre unha das condicións que puxeramos para entrar, que era que a Xunta de Goberno estivese integrada por unha ampla maioría dos grupos políticos da corporación”, sinala o socialista. Tampouco UxC entrará na mesma.

“A outra razón pola que non imos entrar en Xunta de Goberno é que desde a oposición imos facer unha oposición responsable e coherente como estivemos facendo ata o de agora sen que iso impida seguir tendo diálogo e e chegar a acordos e consensos para poder sacar adiante o que necesite o Concello de Cambre”, engade.

“Ademais, decidimos que tampouco recibiremos ningunha dedicación”, apunta Alcantarilla. O socialista anunciou así mesmo que o Grupo Municipal Socialista “non apoiara ningún incremento retributivo”.

“Temos que ser conscientes de que múltiples autónomos e empresas seguen pendentes de cobrar polos servizos prestados ao Concello debido á nefasta xestión do goberno anterior, e ata que iso se solucione non ten sentido aumentar as retribucións de membros da corporación”, indica o voceiro socialista.

“Seguiremos traballando por Cambre e facendo o que sexa mellor para a veciñanza, e neste caso consideramos que dende onde poderemos facelo mellor é dende a oposición”, conclúe.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes