Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Oroso critica que o goberno local “faga de oposición da oposición para tapar a súa incapacidade”

-“Contratar un administrativo para Servizos Sociais pola vía de urxencia é un mecanismo perfectamente legal e necesario tendo en conta a situación límite na que se atopa o servizo” sinalan

-“Non saben nin o que é legal e o que non, pero cargan contra nós para desviar a atención do feito de que levan ano e medio sen contratar o administrativo, arriscándose a perder a subvención”, engaden


O PSdeG-PSOE de Oroso critica que o goberno local de Álex Doval “faga de oposición da oposición para tapar a súa incapacidade de solucionar os problemas do departamento de Servizos Sociais”.

O voceiro socialista local Luís Rey respondeu deste xeito ao goberno do PP despois de que estes acusaran ao PSOE de “mentir e confundir á veciñanza” por sinalar o risco de que Oroso perda unha subvención anual de 18.000€ da Deputación.

No ano 2024, o Concello de Oroso non solicitou a subvención para contratar un administrativo para Servizos Sociais. Este ano si que a solicitou, pero declarou o procedemento deserto porque cando o sacaron xa non había ninguén que optase ao posto.

A ausencia durante todo este tempo dun administrativo en Servizos Sociais provocou, segundo indicaron dende o PSOE, numerosos problemas na prestación do servizo. Ademais, non recibir a axuda durante dous anos seguidos conlevaría unha penalización por parte da Deputación que impediría ao Concello recibila nos anos seguintes.

“Ante esta situación tan grave, nós informamos das dúas alternativas que ten o Concello, que son a de sacar un concurso que se demoraría meses e a de contratar o administrativo pola vía de urxencia”, explicou Rey.

Dende o PP de Oroso acusaron ao PSOE local de “pretender saltar os procedementos legais” ao propoñer esta última solución.

“Contratar un administrativo para Servizos Sociais pola vía de urxencia é un mecanismo perfectamente legal e necesario tendo en conta a situación límite na que se atopa o servizo” afirma Luís Rey.

“Non saben nin o que é legal e o que non, pero cargan contra nós para desviar a atención do feito de que levan ano e medio sen contratar o administrativo, arriscándose a perder a subvención”, engade o socialista.

Para Rey, “a veciñanza de Oroso merece que este problema, causado pola incompetencia do goberno local, sexa solucionado canto antes, pois afecta fondamente e de xeito moi negativo ás persoas máis vulnerables do municipio”. “Non queremos máis excusas nin máis cruces de acusacións para desviar a atención, queremos que se dea resposta aos problemas dos veciños e veciñas”, concluíu.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes