Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre presenta as primeiras pinceladas dun proxecto “serio e responsable” para recuperar o bo funcionamento do Concello

– A formación socialista propón medidas urxentes para ordenar a xestión municipal, recuperar servizos e garantir estabilidade dende o primeiro día de goberno.


O PSOE de Cambre presenta as primeiras liñas dun proxecto de goberno “serio, responsable e con visión de futuro”, que aspira a poñer fin á parálise que sofre o Concello nos últimos anos. A formación socialista quixo compartir as súas principais prioridades no caso de contar coa confianza maioritaria para asumir o goberno municipal no pleno do vindeiro luns.

Desde o grupo socialista insisten en que Cambre precisa un novo rumbo, e que a súa proposta baséase nunha planificación rigorosa, o diálogo con todos os grupos políticos e o compromiso real coa cidadanía. “Se temos a oportunidade de gobernar, non imos vir a improvisar. Vimos a poñer orde, devolver a estabilidade institucional e garantir unha xestión transparente que dea resposta ás necesidades reais das nosas veciñas e veciños”.

Unha das primeiras medidas do PSOE sería licitar de maneira urxente os servizos básicos que levan máis de 20 anos prorrogados. A formación considera imprescindible rematar con esta situación de precariedade para contar cunha “administración moderna e ordenada”, que dea estabilidade tanto ao funcionamento do Concello como aos servizos que reciben os veciños.

Tamén se abriría un expediente de revisión e depuración das facturas pendentes, co obxectivo de organizar unha tramitación clara, planificada e xusta para todas as partes implicadas. O PSOE de Cambre priorizaría, ademais, o pago das subvencións ás asociacións e entidades deportivas do municipio. “O tecido asociativo precisa previsión e compromiso. Non pode seguir esperando indefinidamente por unhas axudas que son fundamentais para o seu funcionamento”, afirman desde o partido.

No que respecta ao orzamento, revisaríase o borrador actual, incorporando achegas do conxunto da corporación, coa intención de aprovalo canto antes. Tamén subliñan que porán o foco en aproveitar ao máximo os fondos do Plan de Obras e Servizos (POS), promovendo o maior número de actuacións posibles para mellorar infraestruturas, espazos públicos e equipamentos básicos.

Por último, entre as primeiras actuacións tamén estaría a reorganización do persoal do Concello. O PSOE comprométese a impulsar unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) consensuada e votada polos traballadores, como ferramenta clave para mellorar a calidade laboral e o funcionamento interno. Mentres se traballa nesta RPT, cubriríanse as prazas vacantes e poñeríanse en marcha as bases dunha carreira profesional para o persoal.

Ademais, os socialistas buscarían fórmulas de colaboración con outros municipios para que funcionarios doutras administracións poidan reforzar temporalmente a área de persoal en Cambre, co obxectivo de aliviar a carga de traballo mentres se cobre definitivamente a praza de técnico A1 en xestión de persoal, figura considerada esencial para a boa organización interna.

Estas medidas forman parte dun proxecto de goberno máis amplo, que o PSOE de Cambre presenta como unha alternativa “seria, dialogante e comprometida” co presente e o futuro do municipio.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes