Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

UxC abserase na investidura e permitirá que o PP asuma a alcaldía de Cambre

– Desde o PSOE de Cambre sinalan que, ao absterse e renunciar a gobernar, UxC entrega o goberno municipal ao Partido Popular nun Concello con maioría progresista


Unión por Cambre (UxC) anunciou a súa abstención no pleno de investidura do vindeiro luns, unha decisión que, na práctica, permitirá ao Partido Popular (PP) asumir a alcaldía de Cambre. Ao non presentar candidatura propia nin apoiar unha alternativa progresista, UxC facilita así un cambio de goberno que entrega o bastón de mando á dereita.

A decisión prodúcese tras meses de inestabilidade interna en UxC, coa dimisión de dous alcaldes, Óscar García Patiño e María Pan, a saída de dous concelleiros e a renuncia doutra candidata a asumir a súa acta. Desde o PSOE de Cambre consideran que esta situación derivou nunha “crise total do proxecto político” da formación local.

Os socialistas lembran que, hai un ano, propuxeron asumir a área de contratación co obxectivo de reconducir a parálise institucional. “Queríamos evitar precisamente o que agora ocorreu”, afirman desde o PSOE. “UxC preferiu daquela, como agora, relegar os intereses das veciñas e veciños de Cambre a un segundo plano, en favor dunha concepción personalista e autoritaria da política”.

No canto de buscar unha saída progresista, UxC propuxo nos últimos días unha fórmula de goberno conxunta entre PSOE, BNG e PP, que desde o PSOE cualifican como “sen sentido político nin respaldo democrático”. Para os socialistas, trátase dun intento de condicionar a gobernabilidade “desde a renuncia, sen asumir responsabilidades”.

“Decidiron non gobernar, pero tamén decidiron que gobernase o PP. É unha decisión política consciente, non unha consecuencia inevitable”, aseguran desde o PSOE. “Se Cambre ten un goberno do Partido Popular, será única e exclusivamente porque UxC así o permitiu”, aclaran.

Neste novo escenario, o PSOE reafirma o seu compromiso co electorado progresista de Cambre e anuncia que asumirá un papel claro na oposición. “Traballaremos desde a responsabilidade, con transparencia e firmeza. Tras a descomposición de UxC, as persoas progresistas de Cambre poden contar co Partido Socialista para construír a alternativa de esquerdas que o municipio precisa”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes