Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Cambre presentará candidato ao próximo Pleno de investidura: “É posible un goberno de esquerdas en Cambre”

-O voceiro socialista local Diego Alcantarilla sinala que isto se fará “como partido maioritario dentro a esquerda no noso Concello” e “por responsabilidade e respecto aos veciños e veciñas”


O PSdeG-PSOE de Cambre anunciou, nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial do partido na Coruña, que presentará candidato ao próximo pleno de investidura do municipio.

O voceiro socialista local Diego Alcantarilla sinala que isto se fará “como partido maioritario dentro a esquerda no noso Concello” e “por responsabilidade e respecto aos veciños e veciñas aos que toda a corporación representa”.

Afirma que o único propósito do Grupo Municipal Socialista é “finalizar unha situación que causou un dano tremendo á cidadanía, ás empresas e á imaxe do municipio”.

“É posible un goberno de esquerdas en Cambre, e queremos deixar meridianamente claro, que polo partido socialista non vai quedar”, subliña Alcantarilla.

O socialista relata que “hai pouco máis dun ano que, ante a situación de parálise na que se atopaba o noso municipio como consecuencia da incapacidade de Unión por Cambre para dar solución ao bloqueo no que estaba sumido o Concello, solicitamos ao noso entón socio de Goberno a que delegase en nós a área de contratación”.

“Fixémolo por responsabilidade e co único propósito de reconducir unha situación que estaba a afectar gravemente á economía dun número moi elevado de empresas e por tanto á economía de familias, moitas delas de veciños e veciñas de Cambre, así como á prestación dos servizos que os cidadáns nos demandan”, salienta.

“Por desgraza, desde o partido dirixido por Óscar García Patiño rexeitouse a nosa proposta, polo que decidimos saír do goberno xa que non podiamos ser cómplices dunha situación esperpéntica que, transcorridos 13 meses desde a nosa marcha, empeorou visiblemente sen que se atisbe ningún viso de mellora”, lamenta.

O voceiro socialista apunta ademais que “a renuncia da que se deu conta no último pleno, a segunda en dous anos, non é máis que a constatación do fracaso de UxC para gobernar o Concello, así como a súa incapacidade para poñer por diante de calquera interese os intereses dos veciños e veciñas, traballar polos consensos e dialogar”. “É o mínimo esixible en democracia e máis cando uno non ten a maioría necesaria para gobernar en solitario”, engade. Concluíu afirmando que o compromiso do Partido Socialista coa veciñanza “mantense coa mesma fortaleza que hai un ano”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes