O PSdeG de Carral rexeita as acusacións e insultos do alcalde de Oleiros á súa voceira Patricia Blanco
-Dende a organización esíxenlle ao líder de Alternativa dos Veciños unha desculpa polas súas declaracións na radio
O PSdeG-PSOE rexeita as acusacións e insultos vertidos na radio por Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros e líder de Alternativa dos Veciños, contra a voceira socialista local Patricia Blanco, e esixe unha desculpa.
Ante ditas acusacións, dende o PSOE recalcan que a voceira “non participou na aprobación de ningunha ilegalidade”, descoñecendo “a que se refire o Sr. García Seoane”. “E se así fose, serían as habilitadas nacionais presentes no Pleno quen así o indicarían, e non unha persoa allea ó Concello que non estaba presente”, destacan.
“A nosa voceira votou a favor do pago das facturas e subvencións ás que se refire García Seoane, que, por certo, presentouse como moción en lugar de punto na orde do día, sabendo que o criterio da Secretaria Municipal é a de aprobar a urxencia das mocións por maioría absoluta”, sinalan dende o PSOE.
“Tamén votou a favor de plasmar mediante moción os acordos chegados con Alcalde Carral o día 4 de febreiro” mentres que “Alternativa dos Veciños votou en contra de poñer negro sobre branco estes acordos”, subliñan.
Ademais, dende o PSOE engaden que, “por último, puxo sobre a mesa a situación das traballladoras e persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, a menos de dous meses da entrada da nova empresa”.
“Patricia Blanco leva avisando de que isto pode pasar dende o mes de setembro presentando incluso unha moción na que se recollían unha serie de puntos de control desta empresa en relación ó servizo e as condicións laborais, complementando o indicado no propio prego”, salientan.
“Si é certo que se abstivo na votación do proxecto de Paso de Peóns na Costa do Pincho por mor da falta de información, a ausencia dun informe de intervención e a perigosidade que tería segundo a opinión de técnicos e profesionais do transporte”, apuntan dende a agrupación socialista local.
A voceira socialista, recalcan, “só segue as indicacións da Agrupación Municipal de Carral, os Estatutos do PSdeG-PSOE e o programa electoral das últimas elección municipais”.
Afirman ademais que “dende o minuto 1 da toma de posesión do Sr. Gestal, Patricia Blanco púxose á súa disposición, solicitando reunións, por distintos medios e dende xuño de 2023 só houbo unha reunión, no mes de decembro de 2024”. “Dende entón nin sequera contesta ás solicitudes de reunións”, lamentan. “Os problemas internos que teña o seu partido deberán amañalos eles, sen embarrar a situación política do Concello”, conclúen, subliñando que “en ningún momento a nosa voceira se pronunciou sobre ese asunto nin ningún asunto que teña que ver co funcionamento interno do partidos políticos alleos ó PSdeG-PSOE”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS