Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre critica a “falta de diálogo e responsabilidade política” de UxC trala dimisión de María Pan

-Diego Alcantarilla subliñou que que o PSOE de Cambre mantivo sempre “unha actitude construtiva, co único obxectivo de mellorar a situación do Concello”


O Grupo Municipal Socialista de Cambre compareceu esta mañá en rolda de prensa na sede provincial do PSdeG-PSOE na Coruña para valorar a situación política do municipio tras a recente dimisión da alcaldesa María Pan. No acto participaron o voceiro socialista en Cambre, Diego Alcantarilla, e concelleiros do grupo municipal.

Durante a súa intervención, Alcantarilla sinalou que “esta dimisión debería levarnos a unha reflexión sobre a xestión política e a necesidade de diálogo nun goberno en minoría”. Subliñou que o PSOE de Cambre mantivo sempre “unha actitude construtiva, co único obxectivo de mellorar a situación do Concello e velar polos intereses dos veciños e veciñas”.

O voceiro socialista explicou que, hai un ano, durante as negociacións con UxC tras a dimisión do anterior alcalde, o PSOE propuxo xestionar a área de contratación como un xeito de reconducir a difícil situación do municipio.

“A nosa proposta foi rexeitada sen sequera opción a negociar. Impúxose unha postura inamovible, defendendo que contratación era un departamento exclusivo de UxC, sen importar o evidente deterioro do servizo”, denunciou. “Non se nos deu a oportunidade de facer as cousas ben, e hoxe os resultados falan por si sós”, engadiu.

Alcantarilla tamén criticou que María Pan asumise compromisos que nunca cumpriu. “A súa idea de consenso era unha imposición: ‘isto é o que hai e non se pode modificar’. Onde está o diálogo nesa postura? Onde está a capacidade de gobernar en minoría se non existe un mínimo de vontade para escoitar e acordar?”, preguntouse o socialista.

Afirmou que a alcaldesa intentou presentarse como vítima, culpando aos socialistas dos erros que eran seus cando era concelleira de Facenda e Contratación: “Este victimismo, acompañado dunha crecente arrogancia, fixo imposible calquera achegamento co seu goberno. A súa frase recorrente era ‘eu son a alcaldesa e véxoo así, e así se fai’, o que reflicte unha forma de gobernar autoritaria que acabou por fracturar a xestión do Concello”.

Desde o PSOE rexeitan a acusación de bloquear a acción do goberno local. “Acusarnos de bloquear propostas é non só falso, senón tamén atrevido. Grazas á abstención dos socialistas, aprobáronse case cinco millóns en recursos extraordinarios, investimentos do POS, pagos a ANPAs e a empresas como Emso, que puideron pagar aos seus traballadores. Tamén se desbloqueou o contrato do SAF. Estes feitos demostran que sempre actuamos con responsabilidade institucional”, lembrou Alcantarilla.

O voceiro socialista subliñou que gobernar en minoría require diálogo, algo que, ao seu xuízo, María Pan nunca asumiu: “Non soubo ou non quixo entender que, sen vontade política, non é posible sacar adiante proxectos para Cambre”. Afirmou que as poucas veces que foron convocados como oposición “foi unicamente para ser informados de decisións xa tomadas, sen posibilidade de achegar alternativas ou acordos”.

“A política municipal non se pode gobernar desde a imposición, e moito menos cun pleno con 21 concelleiros, dos cales só 7 eran de UxC. É necesario consenso, diálogo e escoita, valores que estiveron completamente ausentes na xestión do seu goberno”, recalcou. Sobre a renuncia de Pan, Alcantarilla concluíu: “Non sabemos que pretende con esta actitude nin con esta dimisión, pero o que está claro é que non pensa no benestar dos veciños e veciñas de Cambre, senón en intereses partidistas ou persoais. Desde o grupo socialista seguiremos traballando con responsabilidade, buscando acordos reais e velando polo interese da nosa veciñanza, como sempre fixemos”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes