Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG alerta de que a Xunta deixa a Narón sen ambulancias polas noites

O deputado Julio Abalde e o portavoz socialista no Concello, Jorge Ulla, advertiron que a partir das nove da tarde o oitavo municipio de Galicia por número de habitantes queda sen vehículos asistenciais, e esixíronlle a Rueda que poña fin a esa situación

Criticaron que concellos con similar poboación contan con ata dúas ambulancias básicas e unha uvi móbil, e que a apertura do novo centro de saúde, hai tres anos, non rematou cos problemas na atención primaria, con esperas para consulta superiores ás dúas semanas


O deputado do PSdeG Julio Abalde denunciou hoxe en Narón os graves problemas que padece a localidade respecto da atención sanitaria, especialmente en canto á dotación de ambulancias, con unha soa unidade “e a tempo parcial”. Criticou tamén que, lonxe de solucionar as eivas que existían no vello centro de saúde, a apertura do novo, hai tres anos, non serviu para que a poboación reciba a atención axeitada.

Abalde achegouse ás instalacións sanitarias na compaña do portavoz socialista no Concello, Jorge Ulla. Ambos encontráronse alí con efectivos do 061, e sinalaron como un dos problemas máis graves a carencia vehículo asistencial polas noites nun municipio no que residen preto de 40.000 persoas, é dicir, o oitavo de Galicia por número de habitantes.

O parlamentario socialista alertou de que a partir das nove da tarde “Narón queda sen ambulancia”, co que os tempos de resposta ás emerxencias se alongan sensiblemente. Por iso reclamoulle á Xunta que cubra xa unha necesidade “real” e atenda o que é “un clamor” por parte da cidadanía. “Esixímoslle a Rueda que haxa unha ambulancia de xeito permanente neste centro de saúde, tanto polo día como pola noite”, demandou. De feito, anunciou que presentará unha batería de iniciativas no Parlamento galego en relación con este problema.

Jorge Ulla sinalou que mentres en Narón só hai dispoñible unha ambulancia durante a metade do día, poboacións con similar número de habitantes, como Vilagarcía de Arousa, “contan con dous vehículos básicos e unha uvi móbil”, o que “da unha” idea de cales son as necesidades reais. O voceiro criticou tamén que a Xunta do PP marxina ano tras ano ao seu municipio, ao que destina nos Orzamentos “sempre cero euros”.

Narón conta cun único centro de saúde e dous consultorios, mentres que hai concellos con menor número de habitantes, e tamén limítrofes con grandes cidades, que contan con tres centros de saúde e un consultorio. Ademais, a apertura das novas instalacións, hai case tres anos, non serviu para dar solución a moitos dos problemas que existían no antigo ambulatorio. “Seguimos arrastrando moitas daquelas eivas”, sinalou Ulla, que se referiu especialmente á falta de persoal e ás demoras nas citas para consultas de atención primaria.

Un exemplo da situación é a crise que se viviu hai un ano, cando o propio persoal confesaba estar “desbordado” ante a carencia de recursos humanos para atender a quen acudían ás instalacións ou que realizaban as súas solicitudes por teléfono. As colas ante o mostrador chegaron a alcanzar entón máis de setenta persoas, o que implicaba arredor de tres cuartos de hora de espera. Mentres, quedaban sen atender unha media de cen chamadas ao día. Os retrasos para as consultas de atención primaria en Narón “seguen superando en moitos casos as dúas semanas”, sinalou Jorge Ulla. É unha mostra da situación que enfronta a sanidade pública galega, “que o PP está desmantelando sistematicamente”, asegurou Abalde. O deputado socialista insistiu en que o PSdeG seguirá percorrendo todos os centros de saúde onde existen este tipo de problemas (“a gran maioría”, apuntou) para denunciar unha situación que require de “máis persoal, máis investimento e mellor xestión”


Declaracións Narón
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes