-A voceira socialista local Mayte Argibay celebrou “o apoio a unha reivindicación tan fundamental da veciñanza”
O Pleno Municipal do Concello de Teo aprobou, na súa última sesión, a moción presentada polo PSdeG-PSOE que reclamaba un pediatra no consultorio de Cacheiras.
A petición, dirixida á Consellería de Sanidade da Xunta, instaba a “evitar a precariedade do servizo que se está a sufrir neste centro, e que no caso de que se produza unha baixa ou calquer outro problema que afecte a un dos facultativos poida ser sustituido ou complementado polo outro paliando así a deficiente situación sanitaria que están a padecer os rapaces”.
A voceira socialista local Mayte Argibay celebrou “o apoio a unha reivindicación tan fundamental da veciñanza”. “Dende o Grupo Municipal Socialista seguiremos pulando pola sanidade pública na nosa vila”, engadiu.
Na moción aprobada sinalábase que “o dereito á saude é un dos pilares mais importantes da nosa sociedade, e como tal, creemos que é imprescindible dotar aos centros de saúde de todas aquelas melloras tanto materiais como profesionais que precisen”.
“A praza de pediatría deste centro de saúde, está en precario dende hai meses, o que ocasiona perxuicios e inquedanzas ás familias que acoden ao centro cos seus rapaces menores e que se atopan con que uns días hai pediatra e outros non o hai, non ten horario fixo, e en moitas ocasión dende o propio centro, ante a falta de facultativo, indícanlle ás familias que acudan ao servizo de Urxencias do CHUS”, explica a moción.
“En febrero de 2024, o Concello de Teo confirmaba que o centro de saúde de Cacheiras cubriría en marzo de forma fixa a praza de especialista en pediatría, pero esto non foi así, pese ás promesas e publicidade que se fixeron, o certo é que os rapaces e rapazas de Cacheiras, non dispoñen dun servizo completo”, continúa o texto. Para os socialistas, situación que estan vivindo as familias de Teo “é insostible, e merma moi gravemente a atención sanitaria dos pacientes nun núcleo con un censo de población infantil moi elevado”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS