Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Teo denuncia a ausencia de pediatra no centro de saúde de Cacheiras

O PSdeG de Teo denuncia a situación no centro de saúde de Cacheiras pola falta dunha pediatra fixa. A día de hoxe, a praza de pediatra titular non está cuberta de xeito estable debido a unha baixa laboral. 

Para o PSdeG, isto provoca que a atención pediátrica no centro sexa irregular e dependa da dispoñibilidade doutros profesionais para cubrir a praza temporalmente. “Estase a cubrir moi precariamente”, explica a voceira socialista local Maite Argibay. 

Segundo afirman desde a agrupación socialista, esta situación está a ocasionar que “as familias deban acudir aos servizos de urxencias en Santiago de Compostela para que os menores reciban atención médica”. 

“Incluso dende o persoal do propio centro teñen que suxerirlle ás nais e pais que vaian a urxencias, porque descoñecen en que horario haberá pediatra”, lamentan os socialistas. 

Ademais, sinalan que a incerteza sobre a presenza dun pediatra no centro está a xerar preocupación entre as familias, que demandan unha cobertura estable da praza: “Son moitos os pais e nais que acuden a nós queixándose de esta ausencia”. 

O PSdeG de Teo considera que “un concello en crecemento demográfico como Teo debe contar con servizos sanitarios adecuados, polo que pedimos unha solución inmediata para garantir a presenza dun pediatra a tempo completo no centro de saúde de Cacheiras”. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes