O PSOE da Laracha reclama que o concello presente o antes posible os seus orzamentos para 2025
-“Parece ser a tónica habitual aprobalos tarde, mal e a rastro, como pasou o ano pasado”, critica a voceira socialista local Inés Ramos López
O PSdeG-PSOE da Laracha solicita ao goberno municipal que presente o antes posible o seu proxecto de orzamentos para o vindeiro ano 2025.
“A día de hoxe seguimos sen orzamentos para este ano que comeza”, lamenta a voceira socialista local Inés Ramos López. “Parece ser a tónica habitual aprobalos tarde, mal e a rastro, como pasou cos de 2024”, engade.
Ramos López criticou tamén que se anunciase “a bombo e platillo que van ser os presupostos máis altos dos últimos tempos na Laracha, xa que se é así está claro que será polo sablazo fiscal que sufriron todos os veciños e veciñas nestes últimos tempos”.
“Esperamos con ansia coñecer o contido destes orzamentos e que actuacións están previstas neles”, sinalou a socialista, que avanzou que o Grupo Socialista local fará unha emenda á dotación orzamentaria destinada ao corpo de Policía Local. Esta se atopa actualmente sen efectivos no municipio.
“Cremos que que traballen nuns termos de dignidade e igualdade respecto dos seus compañeiros e compañeiras doutros concellos é esencial”, afirma, xa que isto “axudaría a solventar o problema que existe actualmente cos axentes”.
A voceira socialista non quixo “desaproveitar esta oportunidade para instar de novo ao alcalde a que sente a negociar con eles”, en referencia a que o rexedor José Manuel López, do Partido Popular, non está a participar nas mesas de negociación sobre esta cuestión. “É urxente que se poña solución a esta situación e que, por fin, poidamos ter no ano 2025, xa que no 2024 non foi posible, un servizo de Policía Local digno e de calidade”, concluíu Ramos López.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS