O PSOE de Coristanco denuncia a negativa do alcalde a debater propostas da oposición no pleno municipal
O voceiro socialista local de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, criticou a actitude do alcalde do municipio, sinalando que este rexeita sistematicamente permitir o debate e a votación das propostas presentadas polo grupo socialista nos plenos municipais.
Segundo Abelenda, esta situación vén producíndose durante toda a lexislatura.”Desde o PSOE presentamos mocións que van encamiñadas a mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas, pero o señor alcalde, en lugar de permitilas, evita que se sometan a debate no pleno ao non superar o corte de urxencia”, denunciou Pérez Abelenda.
Entre as iniciativas bloqueadas, destacou proxectos como a mellora dos accesos a núcleos de poboación, a creación dunha praza en Pedrouzo (Xaviña), a instalación de parques biosaludables en Montecelo ou o arranxo de camiños.
“Estas son iniciativas que veñen das necesidades e demandas da veciñanza de Coristanco, pero parece que para o goberno do Partido Popular non son unha prioridade”, afirmou o voceiro socialista.
Abelenda sinalou que esta dinámica vulnera un dos principios fundamentais da democracia municipal, que é permitir que a oposición presente, debata e propoña iniciativas ademais de fiscalizar a xestión do goberno. “Estamos ante unha actitude que compromete o funcionamento democrático do noso concello”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS