Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Vimianzo renova o seu campo de fútbol cun investimento de 350.000 euros da Deputación

-Valentín Formoso visitou as instalacións xunto a alcaldesa socialista da localidade, Mónica Rodríguez


O presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, visitou o campo de fútbol municipal de Vimianzo, onte veñen de comenzar unhas obras de renovación que contan co apoio da institución provincial.

Formoso estivo acompañado entre outras persoas pola alcaldesa socialista da localidade, Mónica Rodríguez. O Concello puxo xa en marcha esta semana os traballos, que contan cun orzamento total que ascende a 480.132,43 euros.

A Deputación contribúe ao mesmo con 350.000 euros, o 72,90 % do total, mentres que a administración local asume os 130.132,43 euros restantes. Esta iniciativa inclúe a renovación do céspede artificial e a cantina.

Na visita tamén estiveron presentes, ademais de Formoso e Rodríguez, diversos membros das directivas do Soneira SD e do CD Baíñas, clubs que utilizan habitualmente estas instalacións deportivas.

O presidente socialista da Deputación destacou que máis de cen persoas fan uso dun campo que precisaba dunha completa intervención, dado o seu desgaste. “É un investimento importante que servirá para que os e as deportistas poidan desenvolver esta actividade en condicións seguras”, destacou.

Lembrou tamén que se aproveitará a intervención “para mellorar tamén instalacións auxiliares”. “Este proxecto vai facer que a práctica do fútbol, a máis maioritaria dentro do ámbito deportivo, se faga nunha infraestrutura digna”, engadiu.

A rexedora destacou pola súa banda que “esta actuación era moi solicitada pola veciñanza e polos clubs, xa que o campo levaba desde o 2007 sen ningún cambio, e agora por fin está en marcha esta renovación tan importante”.

“Estou segura de que suporá un antes e un despois para o deporte local, dotando a instalación das mellores condicións para a práctica deportiva”, afirmou a socialista.

Sinalou que é “unha reforma multidisciplinar” e engadiu que “unha vez rematadas, as vimiancesas e os vimianceses poderán gozar dun campo de fútbol á súa altura nunha instalación que por fin estará ao nivel do noso deporte”.

Rodríguez agradeceu “o compromiso da Deputación da Coruña co deporte, grazas ao seu apoio poderemos facer realidade esta actuación tan importante para a nosa veciñanza”.

As obras comezaron co levantamento do céspede vello do campo. O novo estará composto por unha subbase elástica prefabricada en rolos á que seguirá un céspede artificial de última xeración.

Ademais, actualizarase a rede de drenaxe do campo de fútbol coa instalación dunha canaleta de formigón para a recollida de augas a ambas marxes do terreo de xogo. Vaise mellorar, do mesmo xeito, o sistema de rego, coa renovación dos canóns de impacto e as respectivas electroválvulas.

No terreo de xogo, a intervención completarase coa reposición da varanda perimetral, a instalación de rede recollebalóns nos dous fondos e a subministración dun novo xogo de porterías para fútbol 7.

O proxecto inclúe tamén a reforma e acondicionamento da cantina, que ampliará a súa capacidade cunha cuberta a unha auga con acabado en tella, igual que a existente actualmente, e a instalarase un cerramento totalmente acristalado. Tamén se reformarán os aseos do público.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes