Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Valentín Formoso e Inés Rey asinan un convenio de 1,5 millóns para levar á Orquestra Sinfónica de Galicia por toda a provincia

-O presidente da Deputación e a alcaldesa socialista da Coruña, presidenta tamén do Consorcio para a Promoción da Música, confirman deste xeito o apoio destas institucións á cultura na provincia


O presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, e a alcaldesa da cidade e presidenta do Consorcio para a Promoción da Música, a tamén socialista Inés Rey, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para o financiamento do programa de actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) durante o ano 2025.

A sinatura deste convenio, na que participou tamén a deputada socialista de Cultura, Natividad González, permitirá levar á música da OSG por toda a provincia.

A Deputación achega un total de 1,5 millóns de euros, a maior subvención nominativa que a institución provincial concede cada ano, cun obxectivo claro: achegar a música da Sinfónica a toda a cidadanía, especialmente aos concellos que non contan con programación estable deste tipo.

“A OSG é un referente no seu ámbito e un orgullo para todos os galegos e galegas, co apoio da Deputación queremos que a súa excelencia musical non quede restrinxida ao Palacio da Ópera da Coruña, senón que se espalle por todo o territorio, achegando a música a todos os concellos e a todos os públicos”, sinalou o presidente provincial.

O socialista destacou así mesmo “o compromiso que dende hai décadas mantén a Deputación coa Orquestra Sinfónica de Galicia” para potenciar a súa actividade.

“A nosa querida Orquestra Sinfónica de Galicia é todo un referente a nivel mundial e, ademais dos seus grandes concertos máis alá de Galicia, é moi necesario que a nosa provincia e as súas diversas localidades poidan gozar dos seus concertos”, indicou Inés Rey, que celebrou a renovación do “apoio da Deputación para expandir a súa programación anual”.

Segundo a memoria de actividades do Consorcio, en 2025 a OSG desenvolverá máis de 150 accións entre concertos, ensaios abertos, proxectos formativos e actividades inclusivas.

A programación inclúe concertos fóra da cidade Coruña dando continuidade á colaboración con concellos da provincia como Ferrol, Santiago de Compostela, Vimianzo ou Ares, ou un novo ciclo de concertos didácticos para escolares dos que gozaron xa 22.000 estudantes de máis dun centenar de centros educativos de Galicia.

Tamén o programa “Son Futuro”, que ofrece formación e experiencia a músicos mozos da provincia ou encontros interxeracionais que promoven a convivencia entre xeracións a través da música, e ensaios abertos ao público para achegar o traballo da orquestra a toda a cidadanía.

A colaboración entre a Deputación e o Consorcio para a Promoción da Música enmárcase na aposta estratéxica da institución provincial polo acceso universal á cultura, a descentralización da programación e a promoción dos valores sociais da arte. Con esta achega, a Deputación garante a continuidade dunha das orquestras máis recoñecidas do Estado, cunha recoñecida calidade artística e unha longa traxectoria nacional e internacional.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes