Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Mónica Rodríguez e Rosa Ana García destacan en Vimianzo o papel clave das mulleres no emprendemento rural

-As deputadas provinciais socialistas participaron na inauguración do I Foro “Alza Voz de Muller”


As deputadas provinciais socialistas Rosa Ana García e Mónica Rodríguez inauguraron na Casa da Cultura de Vimianzo o I Foro “Alza Voz de Muller”.

A deputada responsable das áreas de Emprego e Industria e a tamén alcaldesa de Vimianzo estiveron acompañadas pola sudelegada do Goberno de España, María Rivas, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintana, e a deputada provincial nacionalista Avia Veira.

O encontro, que conta co apoio económico da Deputación no marco do Plan de Emprego Local (PEL), está centrado no liderado feminino no rural. Reuniu durante dúas xornadas a emprendedoras, expertas e representantes institucionais para reflexionar sobre os retos e oportunidades que afrontan as mulleres que lideran e emprenden desde o territorio.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García puxo en valor “o potencial das mulleres rurais como clave para o desenvolvemento local, a innovación e a fixación de poboación”, e reivindicou o compromiso da Deputación co emprendemento feminino a través do Plan de Emprego Local (PEL). Este programa, explicou, leva investidos máis de 125 millóns de euros desde 2016 para apoiar a creación de empresas, impulsar a contratación e mellorar a competitividade das pemes da provincia.

O 40% das axudas PEL son para empresas lideradas por mulleres

“A metade das usuarias dos espazos de coworking da Deputación son mulleres, e case un 40% das axudas do PEL destínanse a proxectos liderados por elas”, sinalou a deputada, quen destacou tamén as medidas específicas que benefician ás mulleres no rural, como as bonificacións á súa contratación nos programas PEL-PEMES e PEL-CONCELLOS.

Mónica Rodríguez, afirmou pola súa banda que “este foro nace nun lugar que moitas veces quedou fóra dos focos: o rural. Pero aquí tamén hai mulleres que lideran, que emprenden, que transforman e que merecen estar no centro das conversas importantes”.

Rodríguez mostrouse “profundamente orgullosa” da acollida do evento e puxo en valor o camiño colectivo das mulleres ao longo da historia, lembrando que “liderar sendo muller non só require formación ou esforzo: require valentía, autoconfianza e rede” e destacou a importancia que teñen “espazos coma este, creado para pensar xuntas, recoñecernos e visibilizar os desafíos que vivimos” porque “a igualdade non se traballa só en días sinalados, nin só nos espazos institucionais. Constrúese en lugares como este. Con voces como as vosas”, concluíu.

A rexedora socialista agradeceu “a todas as persoas participantes, ás relatoras, ás colaboradoras, ao equipo técnico, ao persoal do concello implicado, aos colectivos sociais e, en definitiva, a todas as persoas involucradas” pero moi especialmente, sinalou, “á Deputación da Coruña polo seu apoio decidido a través da área de Emprego e do PEL, sen o cal este proxecto non sería posible”.

Visibilizar o liderado feminino no rural

O Foro “Alza Voz de Muller” busca precisamente visibilizar o liderado feminino no rural, compartir experiencias de éxito e fomentar redes de apoio entre emprendedoras. Entre as participantes destacan referentes do mundo empresarial e social como Rosa Arcos, secretaria xeral de FADEMUR; Paula Pose, xerente de Agrosoneira; Mar Barreiro, de Reneymar; e Inés Silva, fundadora de ISlow Coliving, que abordaron as barreiras e oportunidades do emprendemento no rural nunha mesa de diálogo.

O programa tamén contou coa participación da empresaria Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence; María Couto, CEO de XEAL; e Carlota Corzo, cofundadora de Lazzaro, nunha conversa sobre novos modelos de liderado feminino baseados na empatía e na innovación.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes