Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Formoso reivindica a necesidade de continuar impulsando políticas valentes no acto conmemorativo do 28X na Deputación


O Pazo Provincial acolleu esta mañá o acto institucional que contou coa intervención do presidente, así como unha lectura colectiva por parte de representantes de todos os grupos políticos, e a unha performance do colectivo D’ELAS

O acto forma parte dunha campaña anual destinada aos 93 concellos da provincia que inclúe palestras, representacións teatrais, materiais informativos, instalación de puntos LGBT e merchandising.

Valentín González Formoso reivindica os 20 anos da Lei do matrimonio igualitario impulsada polo goberno de Zapatero e defende que “cando se trata de dereitos e liberdades, non hai neutralidade posible: ou se está coas liberdades, ou se está contra elas”.

Ademais, o pleno da institución provincial realiza unha declaración institucional coincidindo co Día do Orgullo.


O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta mañá o acto institucional de conmemoración do 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual. Un acto que contou coa intervención do presidente, Valentín González Formoso; unha lectura colectiva por parte de representantes dos diferentes grupos políticos, e unha performance do colectivo D’ELAS, e que forma parte da campaña anual ‘Liberdade de Ser e de Sentir’ destinada aos 93 concellos da provincia que inclúe palestras, representacións teatrais, materiais informativos, instalación de puntos LGBT e merchandising. Ademais, durante o pleno provincial de hoxe realizouse unha declaración institucional.

O presidente, Valentín González Formoso destacou que baixo a campaña “Liberdade de ser e de sentir”, a Deputación volve implicar este ano a 93 concellos da provincia e anima á participación de entidades sociais e veciñais na visibilización do Orgullo a través de accións simbólicas como a iluminación de espazos públicos, a exhibición da bandeira do arco da vella ou a difusión do cancelo #seresentir nas redes sociais.

Pero, como advertiu que, “máis alá dos símbolos, hai fondo, hai contido e hai traballo durante todo o ano”. A campaña inclúe accións educativas, culturais e de sensibilización para combater a discriminación e os discursos de odio que, segundo advertiu, “medran cunha forza preocupante”.

20 anos da Lei do matrimonio igualitario

Durante o acto, o presidente provincial tamén lembrou os 20 anos da aprobación da Lei do matrimonio igualitario, impulsada polo goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, “un fito histórico que fixo de España un referente mundial en dereitos civís, malia á férrea oposición de forzas políticas que non só votaron en contra no Congreso, senón que mesmo recorreron a lei ante o Tribunal Constitucional”.

Formoso advertiu de que “os dereitos non son irreversibles” e subliñou a importancia de continuar impulsando políticas públicas valentes, tamén dende o ámbito local, para garantir contornas seguras e inclusivas en toda a provincia, “tamén no rural e nos concellos máis pequenos”.

O presidente destacou durante a súa intervención que “non hai neutralidade posible cando se trata de dereitos e liberdades: ou se está coas liberdades, ou se está contra elas”.

Quixo tamén recoñecer o labor das entidades do movemento LGTBI+, “que moitas veces, con recursos limitados, crean espazos seguros, denuncian discriminacións e fan visible o que moitas veces aínda é silenciado”.

Finalmente, o presidente tivo tamén unhas palabras de homenaxe para todas as persoas que abriron camiño na loita polos dereitos LGTBI+. “Cada avance foi posible grazas á loita colectiva —afirmou Formoso—, e cada dereito recoñecido só se mantén se o exercemos día a día, sen dar un paso atrás”.

Tralas intervencións, o deputado Bernardo Fernández participou nunha lectura de fragmentos de textos queer da literatura galega. E, para rematar, o colectivo D’Elas fixo unha performance.

Declaración institucional

Desde a Deputación da Coruña queremos unirnos á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, unha xornada para reivindicar a diversidade, a igualdade e os dereitos de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero.

Alzamos a nosa voz dende todos os recunchos da provincia da Coruña para celebrar e pelexar a DIVERSIDADE. Desde as aldeas aos barrios das nosas vilas, a realidade das persoas lesbianas, gais, bisexuais, trans, intersexuais e doutras identidades disidentes está presente, viva, e esixe ser recoñecida e respectada.

A loita do colectivo LGTBI non é só unha loita polo recoñecemento legal, senón tamén unha loita por vivir con dignidade, sen medo, sen violencia e sen discriminación. É unha loita pola liberdade de ser, estar e existir.

Lembramos con orgullo a memoria das e dos que abriron camiño, e tamén denunciamos as múltiples formas de violencia, exclusión e invisibilización que aínda persisten. Este día é tamén unha homenaxe ás persoas que nos precederon e que, desde a valentía e a resistencia, abriron camiño para que hoxe sigamos avanzando cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

Porque ante o auxe dos discursos do odio LGTBIfóbicos debemos traballar para que as nosas aldeas, barrios e parroquias sexan un referente onde se garantan espazos seguros, libres e igualitarios para todas as persoas.

Desde as institucións públicas temos a responsabilidade de garantir os dereitos de todas as persoas e de traballar para eliminar as discriminacións que aínda persisten. A diversidade é unha riqueza que debemos protexer e celebrar, non un motivo de exclusión.

Comprometémonos, como Deputación da Coruña, a seguir promovendo políticas públicas que aseguren espazos seguros e libres de lgtbifobia, que aposten pola educación en valores de igualdade e respecto, e que dean visibilidade á pluralidade das vivencias e realidades LGBTI.

Sabemos que queda camiño por percorrer, e que a igualdade legal non sempre garante a igualdade real. Por iso, hoxe reafirmamos o noso compromiso coa liberdade, coa diversidade e coa xustiza social.

O día de hoxe, e ao longo de todo o ano, reivindicamos:

  • O dereito a vivir con dignidade e liberdade, en calquera aldea, parroquia, barrio ou concello da provincia.
  • Servizos públicos que recoñezan e atendan a diversidade afectivo-sexual e de xénero.
  • Un ensino galego inclusivo e con educación afectivo-sexual real e respectuosa.
  • A aposta decidida das institucións coruñesas, desde os concellos ata a Deputación, pola igualdade efectiva e pola loita contra os discursos de odio.
  • A visibilidade do colectivo LGBTI na cultura, nos medios, no deporte, no rural e en todos os espazos sociais.

Reivindiquemos un Día do Orgullo que sexa conmemorativo, pero tamén memoria e resistencia. Non é só bandeiras nas rúas unha vez ao ano, senón compromiso diario coa diversidade e coa igualdade real.

Desde a Deputación da Coruña queremos construír unha sociedade onde todas as identidades e orientacións sexuais teñan cabida, recoñecemento e protección. Unha terra onde ninguén teña que marchar para vivir libremente. Unha Galicia orgullosa de ser diversa.

Por unha Galicia diversa, respectuosa e libre. Sen medo, sen armarios, sen odio.

Porque todos os corpos, todas as identidades e todas as formas de amar merecen ser celebradas. Porque non hai democracia plena sen igualdade real.

Hoxe, máis ca nunca, con orgullo. Con memoria. Con compromiso reivindiquemos a LIBERDADE DE SER E SENTIR!

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes