Formoso presenta “MercaNaVila”, o programa da Deputación para apoiar o comercio local nos concellos de menos de 20.000 habitantes con 6 millóns de euros
- O presidente socialista da institución deu comezo ao programa nun acto xunto a José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, e os deputados provinciais Bernardo Fernández, Rosa Ana García e Avia Veira
A Deputación da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, presentou este luns o programa MercaNaVila, unha ambiciosa iniciativa para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
O acto contou coa participación do presidente, o portavoz do Goberno provincial Bernardo Fernández, as deputadas Rosa Ana García e Avia Veira, e mais do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.
Con 6 millóns de euros de orzamento, MercaNaVila permitirá que a cidadanía maior de idade acceda a descontos de ata 100 euros por persoa para realizar compras en establecementos comerciais locais adheridos á campaña.
Estímase que se adherirán ao programa arredor de 2.500 comercios, o que permitirá mobilizar preto de 25 millóns de euros en vendas no comercio local, nun dos maiores programas de impulso ao consumo de proximidade activado en Galicia nos últimos anos, segundo explicou Formoso.
O socialista incidiu en que “a Xunta orzamenta 7,5 millóns de euros para toda Galicia este ano en programas como este, mentres que a Deputación orzamenta 6 millóns de euros para unha soa provincia e para concellos de menos de 20.000 habitantes”.
“É, polo tanto, un programa moi ambicioso e que esperamos que teña unha importante aceptación por parte de comercios e consumidores e un importante impacto no pequeno comercio da provincia”, engade o presidente.
“Despois de pisar as rúas durante moito tempo percibimos que o comercio local é un sector que é fundamental para as economías locais e para a vida dos nosos pobos, un sector que non só xera emprego e dinamiza a economía, senón que tamén xoga un papel esencial na cohesión social das aldeas e vilas”, afirma.
Porén, lamenta, “nos últimos oito anos está pechando unha tenda diaria, levamos preto de 1.900 tendas e comercios perdidos neste tempo só na provincia da Coruña, é unha cifra que nos preocupa e que nos leva a tomar medidas para apoiar a estes pequenos comercios”.
Formoso agradeceu a colaboración e implicación da Federación Galega de Comercio neste novo programa, que busca fortalecer a economía local, fixar poboación nos pequenos concellos, mellorar a calidade de vida e evitar o peche de negocios que dan vida aos centros das vilas coruñesas.
O funcionamento de MercaNaVila é sinxelo. Os comercios interesados en participar deberán inscribirse a través da plataforma habilitada pola Deputación entre o 6 e o 20 de outubro. Unha vez rematado o prazo de adhesión, a cidadanía poderá descargar nos seus teléfonos móbiles os seus bonos desconto, de ata 100 euros por persoa, a partir do 20 de outubro a través da web mercanavila.gal
Estes bonos permitirán aplicar descontos automáticos de entre 5 e 15 euros en función do importe de cada compra, sempre que se realicen nos establecementos adheridos.Os incentivos estarán dispoñibles ata o 20 de novembro ou ata que se esgote o orzamento dispoñible.
RRSS