Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Formoso destaca que o remate das obras de humanización da avenida das Pías “fai un Ferrol novo”

O presidente socialista da Deputación da Coruña destaca a aposta do Goberno de España pola cidade, cunha transformación urbana sen precedentes e investimentos produtivos que xeran emprego e modernización industrial


O secretario xeral do PSdeG na provincia, Valentín González Formoso, participou este mércores no acto de inauguración das obras de mellora da mobilidade e humanización da avenida das Pías (FE-14) en Ferrol, unha actuación impulsada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que contou cun investimento de 11,5 millóns de euros.

Formoso destacou que esta obra “fai un Ferrol novo” e constitúe un exemplo claro de integración urbana, xa que conecta os barrios de Caranza, Recimil, Esteiro, O Bertón e os Ensanches cunha nova configuración da vía que prioriza o tránsito peonil e ciclista, calma o tráfico rodado e reduce o impacto nas zonas residenciais.

“A avenida das Pías simboliza a aposta decidida do Goberno de España por Ferrol, a cidade na que máis inviste”, afirmou o presidente provincial, quen puxo en valor a transformación urbana que supón esta actuación, pero tamén os investimentos produtivos que se están a realizar na cidade e que xeran unha importante carga de traballo. Entre eles, salientou os contratos para a construción das fragatas F-110, cun orzamento de máis de 5.000 millóns de euros para os vindeiros anos; o programa de modernización das fragatas F-100, por máis de 2.000 millóns; ou a construción dun novo buque de aprovisionamento de combate (BAC), cun investimento de 700 millóns; a fábrica dixital de bloques ou a aposta polo estaleiro 4.0.

Formoso sinalou tamén que “a materia pendente é a mellora da conexión ferroviaria de Ferrol, imprescindible para que a cidade siga avanzando e aproveitando todo o seu potencial”.

A nova avenida das Pías conta con 7,2 quilómetros de itinerarios peonís, 1,4 quilómetros de vías ciclistas e 37.000 metros cadrados de zonas verdes con nova iluminación, semáforos e mobiliario urbano. A vía foi posta en servizo por tramos: o primeiro entre a Porta Nova e a avenida de Esteiro o 11 de marzo; o segundo ata a nova glorieta de Caranza un mes despois; e este mércores culminouse coa apertura do tramo final ata o quilómetro 1,1 da FE-14.

No acto tamén participaron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a subdelegada do Goberno, María Rivas; e a delegada da Xunta, Martina Aneiros, entre outras autoridades.


Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes