Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Formoso defende o grao de Medicina na Coruña: “Se cada ano hai 2.600 estudantes que quedan sen praza e siguen faltando médicos en Galicia, non se entende que non poda haber unha nova oferta”

O presidente socialista da Deputación da Coruña destacou a importancia de garantir que as e os estudantes de Medicina “podan seguirse formando na pública”


O presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, sumouse hoxe ás voces que demandan a implantación da carreira de Medicina na Universidade da Coruña.

Formoso xustificou esta necesidade na falta de profesionais médicos que sofre actualmente Galicia: “Hai unha demanda da sociedade galega de ampliar a plantillas de médicos que agora mesmo son insuficientes, especialmente no rural e en especialidades como Pediatría, onde o 15% das prazas quedan sen cubrir”, o que propicia que miles de nenos e nenas en Galicia non dispoñan de servizo de pediatría no seu centro de saúde máis próximo.

Neste sentido, destacou que Medicina é “unha carreira vocacional, probablemente a máis vocacional que existe” e lembrou que cada ano hai 3.000 persoas en Galicia que solicitan o acceso á carreira de Medicina e que a Universidade de Santiago oferta unicamente 400 prazas, pero pide máis de 500 prazas MIR cada ano e se estima que un de cada tres médicos se xubilará na próxima década.

“Se cada ano hai 2.600 estudantes que quedan sen praza e siguen faltando médicos, non se entende que non poda haber unha nova oferta nunha cidade como A Coruña, que ten unha Facultade de Ciencias da Sáude consolidada, que garante unha docencia clínica de alta calidade, e que ten un hospital que está en todos os índices de referencia como o primeiro de Galicia e entre os mellores vinte hospitais de todo o Estado”, afirmou o socialista.

Formoso subliñou a importancia de garantir que as e os estudantes de Medicina “podan seguirse formando na pública” e a carreira non quede só reservada para os que que podan permitirse as universidades privadas.

O presidente socialista da Deputación avogou por seguir mantendo “un papel preponderante a Facultade de Medicina de Santiago”, pero preguntouse “por qué non unha Facultade de Medicina na Coruña que dea cobertura a esta demanda social, a esas vocacións e que permita que os estudantes de Medicina se sigan formando na pública, que é o que está demandando a UDC”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes