Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

A Deputación apoia a creación e consolidación de 430 empregos en pequenas empresas da provincia a través do PEL

O Plan de Emprego Local, impulsado polo Goberno provincial socialista, mobiliza 4,7 millóns de euros para favorecer o emprego estable e dinamizar o tecido económico local


A Deputación da Coruña reforza este ano o seu apoio ao tecido empresarial da provincia cun investimento global de 4,7 millóns de euros ao abeiro das liñas PEL-Pemes Creación e PEL-Pemes Mantemento, integradas no Plan de Emprego Local (PEL), unha das políticas clave do Goberno provincial socialista.

Esta aposta permite impulsar a creación e consolidación dun total de 430 empregos en pequenas empresas da provincia, mediante contratos que incentivan o emprego estable e de calidade, favorecendo así a dinamización económica especialmente nos concellos máis pequenos.

A Deputación vén de publicar no BOP do pasado 29 de xullo a resolución do programa PEL-Pemes Mantemento, que destina máis de 1,2 millóns de euros a subvencionar o mantemento de 121 contratos indefinidos, xa formalizados en convocatorias anteriores do PEL, en empresas e microempresas con sede en concellos de menos de 20.000 habitantes. Trátase dunha liña pioneira e complementaria da liña de creación, que garante a continuidade dos postos de traballo xerados en edicións anteriores do PEL e reforza o compromiso da Deputación cunha economía sostible e arraigada no territorio.

Este novo apoio súmase aos 311 contratos creados o pasado mes de xuño ao abeiro do programa PEL-Pemes Creación, consolidando así unha rede de emprego estable en sectores clave do tecido produtivo da provincia.

“O PEL demostra a súa utilidade como ferramenta integral para o emprego: primeiro axudamos a contratar, e agora axudamos a manter eses postos de traballo. Apostamos pola creación de emprego estable e polo reforzo das pequenas empresas locais”, destacou o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG na provincia, Valentín González Formoso, nunha nova mostra do compromiso da institución provincial cun modelo de desenvolvemento sustentable, baseado na cooperación co tecido empresarial e os concellos.

As empresas beneficiarias destas liñas de axudas para fomentar a creación e o mantemento do emprego recibirán subvencións de entre o 70% e o 50% dos custos laborais durante 12 meses, incluíndo soldos, cotizacións á Seguridade Social e outros gastos sociais.

Distribución territorial e perfil das empresas
Na concesión do programa PEL-Pemes Mantemento destacan por concellos Santa Comba, con 9 subvencións e un importe de 95.434,15 €; Mazaricos, con 8 subvencións e 85.118,64 €; e Dumbría, con 6 subvencións e 59.862,98 €.

Por comarcas, sobresae a de Santiago, con 46 subvencións concedidas (máis do 38% do total), por un importe global de 456.228,32 €, seguida polas de Bergantiños e Costa da Morte, cun total de 28 axudas e 281.862,98 € de investimento.

En canto ao tipo de contrato subvencionado, o 81,82% corresponde a contratos indefinidos a xornada completa e o 18,18% son a tempo parcial. Case o 53% están dirixidos a persoas pertencentes a colectivos vulnerables.

Respecto ao perfil das empresas beneficiarias, o 54,55% son autónomos/as ou empresarios/as individuais, das que a maioría pertencen ao sector terciario, destacando o comercio e a hostalería, así como o sector primario.

8.130 empregos creados ao abeiro do PEL
Desde a súa posta en marcha, o Plan de Emprego Local, impulsado polo actual goberno socialista da Deputación, consolidouse como unha das principais políticas públicas da institución provincial no impulso ao emprego e ao desenvolvemento económico. En total, máis de 8.130 postos de traballo foron creados nos sectores público e privado ao longo dos últimos oito anos, grazas a este modelo de colaboración coas entidades locais e co tecido produtivo.

Consulta as listaxes de empresas beneficiarias:

PEL Pemes Creación – xuño 2025 : https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/06/09/2025_0000003766.html

PEL Pemes Mantemento – xullo 2025: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/07/29/2025_0000004980.html

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes