Skip to content

Galego

¡Síguenos!

Os socialistas levan mañá ao pleno da Deputación unha moción esixindo á Xunta que paralice a tramitación da nova Lei de Administración Local e abra un proceso real de diálogo cos concellos 

O PSdeG Provincial denuncia que o Goberno galego pretende aprobar unha norma “clave para o municipalismo” con prazos “claramente insuficientes” e sen contar cos representantes locais

Solicitan que a Xunta retrotraia o procedemento ao momento previo á aprobación do anteproxecto e que abra un período de consultas “real e efectivo”, con prazos acordes á magnitude da norma e que garanta a participación activa dos concellos


O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE defenderá mañá no pleno da Deputación da Coruña unha moción na que reclama á Xunta de Galicia que paralice a tramitación do anteproxecto da nova Lei de Administración Local e abra un proceso de diálogo real cos concellos e deputacións.

Os socialistas consideran “inaceptable” que unha norma chamada a regular o funcionamento de toda a arquitectura institucional galega se someta a exposición pública cun prazo de pouco máis de tres semanas, claramente insuficiente para o seu estudo, debate e formulación de alegacións por parte das entidades locais.

Ademais, denuncian as formas empregadas pola Xunta, que “nin sequera se dirixiu directamente aos concellos”, limitando a comunicación a través da FEGAMP, o que evidencia, segundo o PSdeG, “unha falta de respecto institucional cara ao municipalismo galego”.

O voceiro socialista provincial, Bernardo Fernández, critica tamén que o Goberno autonómico, e concretatamente o conselleiro Diego Calvo, fale dun texto “participado” mentres “ignora aos representantes lexítimos dos concellos, que son quen coñecen a realidade diaria da administración local”.

“O que está en xogo non é é a norma que vai ordenar o funcionamento dos concellos e das deputacións durante décadas. Non se pode facer con présas nin dende despachos alleos á realidade municipal”, sinala o voceiro socialista.

Na moción, o PSdeG solicita que a Xunta retrotraia o procedemento ao momento previo á aprobación do anteproxecto e que abra un período de consultas “real e efectivo”, con prazos acordes á magnitude da norma e que garanta a participación activa das entidades locais.

Os socialistas lembran que a autonomía municipal está recoñecida na Constitución e advirten de que “non pode ser ignorada nin tratada como un trámite secundario”.

Finalmente, o PSdeG acusa ao Partido Popular de “incoherencia política”, ao criticar noutras ocasións prazos curtos en reformas estatais mentres aplica en Galicia políticas de feitos consumados.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes